Non podemos quedar de brazos cruzados e permitir que o Mediterráneo ou calquera rexión fronteiriza do mundo se converta nun lugar de desesperanza e morte. É o noso deber moral e legal acoller a todos aqueles que fuxen das penurias e da violencia e devolverlles a esperanza dun futuro mellor. Neste Día Mundial das Persoas Refuxiadas e todos os días, facemos un chamamento aos gobernos de todo o mundo para que respecten os dereitos de todas as persoas refuxiadas e garantan a súa protección e inclusión nas comunidades de acollida.
David Edwards | Secretario xeral da Internacional da Educación
O Foro Mundial sobre Persoas Refuxiadas, que terá lugar en Xenebra en decembro de 2023, é unha oportunidade necesaria para acelerar o progreso no avance dos obxectivos do Pacto Mundial sobre Refuxiadas e cumprir a promesa de inclusión para millóns de refuxiadas en todo o mundo. As persoas en situación de desprazamento forzado non poden permitirse máis demoras.
A Internacional da Educación está a traballar con socios de todo o mundo para defender os dereitos das persoas refuxiadas. A IE segue comprometida na procura de apoios para os docentes que ensinan ás e aos estudantes refuxiados, así como para os docentes desprazados, que promoven a inclusión a través da educación e aportan esperanza ás súas comunidades.
A falta de recoñecemento e os sistemas de apoio inadecuados para as e os docentes en situación de desprazamento forzado teñen implicacións negativas para a satisfacción laboral, o compromiso e o benestar das e dos docentes, o que ten un efecto negativo na escolarización, o rendemento, o benestar e as perspectivas de futuro dos nenos refuxiados.
Por iso, é fundamental abordar os desafíos que enfrontan os docentes nas áreas de acollida de refuxiados e permitirlles ofrecer unha educación de calidade aos seus estudantes.
As viaxes perigosas a través do Mediterráneo volvéronse traxicamente comúns, poñendo en perigo a vida de miles de persoas vulnerables desesperadas por pórse a salvo. As redes de traficantes están a aproveitarse da desesperación das persoas e da falta de oportunidades para solicitar asilo na Unión Europea.
A Internacional da Educación fai un chamamento á Unión Europea e aos seus estados membros, así como a todos os gobernos do mundo, para que respecten os dereitos de todas as persoas que fuxen da violencia, a persecución e as penurias, e proporcionen vías seguras e accesibles para obter a condición de refuxiado.
A Internacional da Educación denuncia calquera tipo de discriminación contra as persoas refuxiadas. Todas as persoas que fuxen dos seus países de orixe deben ser tratadas con dignidade independentemente da súa nacionalidade, raza, etnia, relixión ou calquera outra orixe.
Ademais, a Internacional da Educación fai un chamamento aos gobernos para garantir a inclusión dos refuxiados nas comunidades de acollida, cun enfoque particular no acceso a unha educación de calidade para os nenos e mozos refuxiados.
Desde a UE, desde as súas institucións, estados, gobernos e sociedades, asistimos case diariamente á chea de persoas que arriscan a súa vida e a dos seus para intentar acceder a territorio europeo. Unha situación que deixa de sobrecoller á sociedade, deshumanizada ante o costume desta situación.
A traxedia ocorrida a semana pasada fronte ás costas do Peloponeso, no sur de Grecia, na que faleceron centos de persoas tras unha travesía perigosa nun pesqueiro abarrotado, demostra, unha vez máis, a necesidade dunha política común e eficaz de migración e asilo para a UE. Unha política que faga posible que as persoas cheguen de forma legal e segura á UE, xa sexa por razóns socioeconómicas ou de protección internacional.
CCOO leva anos esixindo esta política e agora, ante o horror desta traxedia, pide a todas as institucións da UE que avancen rapidamente para superar os atascos e poñer fin ao ciclo de mortes nas nosas fronteiras comunitarias. Por iso, facemos un chamamento á próxima Presidencia española da UE para que articule como prioridade dotar á Unión Europea dunha política “humana” para as migracións que se dirixen a Europa.
Asimismo, esiximos a aclaración e depuración de responsabilidades das diversas autoridades competentes no rescate marítimo – tanto nacionais como comunitarias – co fin de evitar de unha vez por todas este inaceptable xogo de difuminar os perfís e non impedir as mortes.
Finalmente, a UE debe colaborar con terceiros países para poñer fin ao tráfico ilícito de migrantes, que pon en perigo a vida das persoas, viola dereitos fundamentais e perturba a xestión ordenada dos fluxos migratorios.
Debemos reducir os incentivos para emprender estas viaxes perigosas; abordar as causas profundas da migración irregular; e promover unha migración regular e segura cara á UE.
Por último, sexamos respectuosos cos principios e valores que sustentan a UE. Europa debe ofrecer protección ás que a necesiten e debemos facer posible que todas exerzan os seus dereitos.

