O dia 10 de xaneiro de 2023, celebrouse a xuntanza da Mesa xeral de empregados públicos, na que se trataron as seguintes cuestións:
Punto primeiro.- Modificación de 7 postos nas RPTs de Emprego, Medio Rural, Política Social e Educación para reconvertelos a postos de persoal laboral e así poder ofrecer á elección de destino das persoas que superaron os correspondentes procesos selectivos de consolidación. Por parte de CCOO solicitouse que para este persoal, e para outros colectivos que tamén están pendentes, se leve a cabo o antes posible a promoción interna horizontal para adquirir a condición de persoal funcionario prevista na normativa.
Punto segundo.- Interpretación de determinadas cláusulas das bases dos procesos de estabilización.
- Valoración da experiencia do persoal transferido desde outra Administración: Función Pública propón valorar o tempo ata a transferencia como prestado noutra Administración (a 0,125 puntos/mes) e a partir de aí como prestado na Xunta (é dicir, a 0,30 puntos/mes). CCOO esiximos que debe computarse todo o tempo como se fose na Xunta xa que o acto da transferencia non é voluntario para os traballadores e de non terse producido este, os traballadores afectados non terían ningunha penalización se estabilizasen os seus postos na súa administración de orixe. Ademais, entendemos que este mesmo criterio debe aplicarse ao persoal do Consorcio subrogado desde a Administración Local. Resposta DXFP: valorarán as alegacións das organizacións sindicais e darán resposta definitiva nos próximos días.
- Persoal afectado polas tres convocatorias reguladas na Lei 4/88 da Función Pública de Galicia, que a Administración considera que, si non superou estas convocatorias, xa ostenta a condición de laboral fixo e polo tanto non se lles computarán os servizos prestados para os procesos derivados da Lei 20/2021, precisamente porque son laborais fixos a extinguir.
- Cómputo dos servizos prestados en entes do sector público para o persoal vinculado á extinción de incendios: para a Administración os servizos prestados en categorías vinculadas á extinción de incendios en postos de 6 meses, computarán como servizos prestados noutras administracións. Desde CCOO estamos de acordo xa que, por exemplo, no caso de SEAGA os servizos prestados na empresa valóranse máis que na Xunta. Polo tanto, o único que se esta a facer é aplicar o principio de reciprocidade. O DXFP informa respecto da inclusión destas prazas que están revisando xurisprudencia e consultando coa asesoría xurídica a pertinencia ou non de que sigan manténdose na OPE de estabilización dado que non esta claro que se poida considerar que houbo unha subrogación ou unha sucesión de empresa e polo tanto unha continuidade da relación laboral entre SEAGA e a Xunta a partir de 2019.
Rogos e preguntas.- Interpretacións e información facilitado pola DXFP sobre aspectos relacionados cos procesos de estabilización.
- Están elaborando unha guía sobre a estabilización coas preguntas e respostas máis frecuentes ou que máis dúbidas de interpretación suscitan.
- Mantense o criterio de descontar ou de non incluír prazas convocadas en anteriores procesos de estabilización. Polo que se refire a prazas de procesos non rematados, o DXFP manifesta que si que están incluídas nos anexos das convocatorias as convocadas e non resoltas pero que se descontarán as que fosen ocupadas neses procesos e manteranse na OPE de estabilización as non ocupadas, sempre que cumpran os requisitos.
- Queda definitivamente aclarado que un aspirante pode presentarse ás convocatorias que queira, xa sexan por concurso ou por concurso-oposición aínda que sexa para a mesma escala ou categoría.
- Queda pendente de decidir se este proceso vai computar para a actualización de méritos do Decreto 37/2006 ou, tendo en conta que para algunhas escalas ou categorías se convocan moi poucas prazas, dar a opción máis favorable para o traballador entre este proceso e o que actualmente se ten en conta para as listas.
- Respecto da problemática xurdida en torno a persoas que non teñen a titulación esixida para acceder á correspondente escala funcionarial, desde CCOO defendemos que se debe buscar unha solución que respecte a legalidade en canto á normativa de titulacións e tamén o dereito das persoas afectadas para poder estabilizar o seu posto de traballo. Dito isto, o que non se pode é tratar de resolver un problema a un colectivo de persoas traballadoras, cando en realidade o problema afecta a moitas máis categorías e sobre todo en base a un informe de dubidosa legalidade. Polo tanto, para CCOO a solución do problema ten que ser global e para todos. O que non vale é resolver o problema para uns e deixar ao resto na estacada. No caso concreto das TEXIS: por que vale o título de mestre en educación infantil ou primaria para estabilizar en postos de TEXI e non vale a habilitación expedida pola propia Xunta para a mesma finalidade?
- Respecto da estabilización de prazas en categorías a extinguir, a opinión de CCOO é que este non debe ser impedimento para incluílas no proceso selectivo xa que os traballadores afectados foron os que “xeraron” esas prazas en virtude da sentenza de indefinición ou da fraude de lei na contratación ou do abuso da temporalidade. Polo tanto, a escusa de que están a extinguir non a podemos compartir.
- Están valorando se a publicación da listaxe definitiva das prazas na web de Función Pública pode considerarse como comunicación ao interesado de que a súa praza está incluída no correspondente proceso selectivo ou se hai que facer unha comunicación nominal e expresa a cada un.