Valoración da sentenza do TXUE sobre abuso ou fraude na contratación

A sentenza non presenta diferenzas substanciais en relación con outras precedentes sobre esta mesma materia.  

Respecto ao incumprimento da directiva comunitaria 1999/70 CE, tanto na súa cláusula 4.ª (non discriminación entre persoal fixo e persoal temporal) como na súa cláusula 5.ª (abuso ou fraude na contratación), CCOO insistimos en que debe levarse a cabo unha correcta transposición na normativa nacional (EBEP), para que se recollan as medidas disuasorias que eviten, por un lado, a discriminación recollida na cláusula 4.ª, por outro, para sancionar o abuso ou fraude na contratación, recollido na cláusula 5.ª.

Hai que recordar que esta directiva 1999/70 CE do Consello, de 28 de xuño de 1999, relativa ao Acordo Marco da CES, UNICE e o CEEP sobre traballo de duración determinada, resulta da transposición dun acordo dos gobernos, axentes económicos e sociais europeos, onde CCOO participou activamente a través da Confederación Europea de Sindicatos (CES). 

A sentenza fundaméntase, basicamente, no incumprimento da cláusula 5.ª da directiva, pero pola inexistencia ou concreción na normativa española (EBEP) de medidas no ámbito público que sancione o abuso ou fraude na contratación, o que non significa que a directiva poida suplantar a normativa nacional en ningún caso. 

Neste sentido, esta sentenza, deixa claro que o TXUE non é competente e, polo tanto, deriva ao xuíz nacional (Tribunal Supremo en última instancia) para que, comprobado o abuso ou fraude, sancione a Administración. Consecuentemente co anterior, nin a cláusula 5.ª nin a sentenza poden impor aos Estados membros a obriga de transformar os contratos de duración determinada en contratos fixos. 

 

CCOO insistimos na necesidade de facilitar ao persoal interino e temporal a adquisición de emprego fixo, a través de procesos selectivos que favorezan e promovan a estabilización ou consolidación, como os que se puxeron en marcha conforme á disposición transitoria cuarta do EBEP. Estes procesos deben garantir o recoñecemento íntegro da súa experiencia profesional e desenvolverse sempre baixo o respecto aos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade. 

A fixeza é o obxectivo. A xudicialización con aventuras xa desbotadas pola xustiza só pode provocar frustración, pero non é a solución. Aventuras como o concurso de méritos tampouco garante en ningún caso o acceso á fixeza se realmente non se quere incorrer en inconstitucionalidade. 
Por estes motivos CCOO seguirá insistindo nas ofertas de estabilización e consolidación específicas; da mesma forma, seguiremos negociando acordos como o Acordo de acceso a listas de interinidades e substitucións do ano 1995 e as súas modificacións posteriores, na medida en que se van resolvendo as diferentes ofertas de emprego público.  

Igualmente, seremos contundentes en esixir (como xa o fixemos en reiteradas ocasións por escrito ao Goberno) os cambios normativos correspondentes para, por un lado, establecer a sanción que debe implicar a correspondente responsabilidade (vía disciplinaria) cara ao xestor público responsable do abuso ou fraude na contratación; por outro lado, recoller ou facer extensivo ao persoal funcionario e/ou estatutario, as mesmas contías indemnizatorias que corresponden ao persoal laboral segundo o Estatuto dos Traballadores, polo menos como despedimento improcedente, feito que, como se sabe, non recolle a norma na actualidade.