A Federación do Ensino de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO-Ensino) saúda o acordo estatal para combater a precariedade no sector público. En Galicia, nos próximos tres anos, permitirá consolidar uns dous mil empregos docentes que actualmente son temporais. Asemade, de cara ás ofertas públicas de emprego (OPE), establécese unha taxa de reposición do 100 % das xubilacións que se produzan entre 2017 e 2020.
CCOO, primeiro sindicato das administracións públicas no Estado, leva moito tempo a loitar para rematar co «abuso» na contratación no sector público. De feito, o acordo avala as teses do sindicato, que xa en xuño do ano pasado propuxera unha OPE excepcional para rematar coa precariedade.
Co acordo a que agora se chega, o obxectivo é reducir as interinidades a un máximo do 8 %. A Federación do Ensino de CCOO coida que no caso galego se debe aspirar a situar a eventualidade a menos do 5 %, que eran os parámetros previos ao regreso do PP á Xunta. O sindicato defende uns servizos públicos «potentes» e unha escola pública de calidade.
Perda de poder adquisitivo
Doutra banda, CCOO-Ensino amosa o seu desacordo polo incremento salarial do 1 % proposto polo Gobeno de España, nun momento en que o IPC estatal está no 3 %, o que suporía unha nova perda de poder adquisitivo nas empregadas e empregados públicos.
Comisións insiste en que se debe acometer un plan plurianual de recuperación dos dereitos perdidos —sobre todo canto ás retribucións e á xornada— e a garantía de que non haxa novas perdas. «O Goberno central leva dous anos a insistir na chegada da recuperación económica, pero as empregadas e empregados públicos non o ven», censura o sindicato.