Onte, 26 de outubro, presentamos dous novos escritos: un ante a Subsecretaría de Estado de Educación e outro, simultáneamente, en Galicia, ante a Consellería de Educación. Estes escritos desenvolven as seguintes ideas principais:
- A necesidade de solucionar o agravio comparativo que se produciría se as persoas que obtiveron a súa praza por concurso extraordinario de méritos teñen unha orde de prelación superior ás que obtiveron a súa praza por concurso-oposición e concursan desde a fase de prácticas. Non é razoable que obter unha praza por concurso-oposición teña unhas condicións tan inferiores para obter o primeiro destino definitivo.
- Tampouco é razoable que, xa no seu primeiro concurso de traslados, os que obtiveron a praza por concurso extraordinario de méritos entren no mesmo bloque que o profesorado funcionario de carreira que xa estaba anteriormente no sistema, xa sexa con destino definitivo, en expectativa de destino ou con destino provisional.
- É necesario abordar modificacións no baremo do concurso de traslados para ter en conta os problemas de mobilidade do profesorado con destino definitivo e do profesorado que leva anos en expectativa de destino. Débense incrementar significativamente as puntuacións dos apartados 1.1.1 e 1.1.2.
- É imprescindible tamén que ningún docente quede en expectativa de destino, para o que deben saír a concurso todas as vacantes necesarias.
Demandamos que se convoquen as mesas sectoriais oportunas e que se leven a cabo de forma urxente as actuacións necesarias para poñer solución ao problema.
Escrito presentado ante a Subsecretaría de Estado de Educación
Escrito presentado ante a Consellería de Educación