Como sabedes, moitas foron as trabas que tivemos que superar para conseguir a integración no corpo de PES. Moitas cousas pasaron dende que iniciamos a campaña de reclamacións no ano 2019 solicitando o incremento retributivo equivalente ao grupo A1. Presentamos emendas á LOMLOE e promovemos a modificación desta na Lei de Ordenación da FP conseguindo que se mudase dun sistema de ingreso a unha integración directa no corpo de PES. Aínda así, quedan cuestións que resolver, como o complemento retributivo para o profesorado que se quede no corpo a extinguir e o profesorado do corpo de sectores singulares da FP.
Grazas á nosa insistencia, CCOO-ensino felicítase de que en Galicia xa se iniciara este proceso.
No DOG do 9 de novembro publicouse a convocatoria da integración no corpo de PES. Esta convocatoria deixa fóra ao profesorado interino, ao xubilado posteriormente á data de efectividade da integración (19 de xaneiro de 2021) e non considera o tempo traballado como funcionariado en prácticas no carácter retroactivo.
Desde CCOO-ensino animamos ao profesorado interino con titulación universitaria a solicitar a integración no corpo de PES ao igual que o fará o profesorado funcionario de carreira, a pesar de que a convocatoria citada os exclúe. Unha vez excluídos debemos recorrer tal exclusión iniciando as reclamacións pertinentes na vía administrativa ata chegar á vía contencioso administrativa de ser necesario. As directivas europeas de trato non discriminatoria entre os traballadores fixos e os interinos aválannos.
O profesorado que estivo en prácticas entre a data da integración efectiva (19 de xaneiro de 2021) e a solicitude da convocatoria, unha vez se lles recoñeza o carácter retroactivo unicamente desde so seu nomeamento como funcionariado de carreira pode poñerse en contacto con CCOO para iniciar o procedemento de reclamación do efecto retroactivo completo dende 19 de xaneiro de 2021.
O profesorado xubilado con posterioridade ao 19 de xaneiro de 2021 tamén debe facer reclamación pola perda de retribucións que supón a non integración no corpo de PES por ter retrasado o proceso a administración.
Para iniciar o proceso de reclamacións podedes poñervos en contacto con CCOO.
Unha vez finalizado este proceso, CCOO-ensino demandará en Mesa Sectorial a necesidade dun complemento de equiparación retributiva para os colectivos do profesorado que quedan no corpo a extinguir e o profesorado do corpo de sectores singulares da FP.