CCOO-Ensino urxe a Consellería de Educación a que negocie as condicións de seguridade na celebración dos procesos selectivos de acceso á función docente

A DA da Lei 4/2021 recolle unha serie de medidas especiais para a celebración dos procesos electivos durante a situación de emerxencia sanitaria derivada da pandemia da covid-19. É necesario que estas medidas se desenvolvan de forma que as opositoras e os opositores coñezan con tempo suficiente a súa concreción.

É evidente que, tal e como establece o apartado f da citada disposición, a autoridade sanitaria será a que deba ditar determinadas medidas en función da situación nese momento. Pero isto non pode ser unha escusa para non comezar a preparar cuestións como a selección de espazos adecuados ao tipo de probas que se van desenvolver nos procesos e definir as medidas hixiénico-sanitarias.

As outras medidas incluídas abren moitos interrogantes que cómpre aclarar, como son ata cando se poden ampliar os prazos, como se distribúen os aspirantes do mesmo tribunal en diferentes espazos, a regulación de entradas e saídas de aspirantes, a forma de realización das diferentes probas e o formato de entrega das programacións e méritos.

Ademais destas cuestións, é necesario aclarar como se actuará en caso de positivo, corentena ou illamento do persoal opositor ou dos membros do tribunal. Conviría establecer protocolos moi claros e específicos para que os membros do tribunal e o persoal opositor non teñan dúbidas de como actuar de dárense estas situacións. Hai que dotar aos tribunais de medios suficientes para que se poida dar unha comunicación clara, inmediata e directa coas persoas opositoras.