CCOO-Ensino e o resto de OOSS trasladan aos partidos que concorren ás eleccións do 5 de abril a reivindicación da volta ás 18 e 21 horas lectivas

 ver CARTA en PDF

  A continuación reproducimos a carta entregada a PSOE, BNG e Galicia en Común:

O pasado 12 de febreiro as organizacións sindicais con presenza nos diferentes órganos de representación, tanto na Mesa Sectorial como nas Xuntas de Persoal (CIG-Ensino, CCOO-Ensino, ANPE, FeSP-UGT, STEG, CSIF) dirixímoslle unha carta a Núñez Feijóo, na súa condición de presidente da Xunta de Galiza. Como representantes do profesorado do ensino público galego tiñamos claro que a responsabilidade última de que non houbese unha recuperación dos nosos dereitos, e especificamente do horario lectivo de 18 horas en Secundaria e 21 en Primaria cos que contabamos até 2012 e 2011 respectivamente, era exclusivamente súa.

Naquela carta lembrabámoslle ao Sr. Feijóo que foron os seus gobernos os que aplicaron políticas de recortes no ensino público e nas condicións laborais e salariais do persoal docente galego. Para o profesorado é un insulto comprobar como o noso goberno foi dos máis rápidos e dilixentes á hora de restrinxir dereitos mais no momento no que podía revertelos está demostrando ser dos máis remisos.

Como lle diciamos no escrito unitario remitido ao agora presidente en funcións, a súa negativa a negociar a devolución dos nosos horarios, a incrementar persoal docente e poder tomar medidas que conducisen a unha mellor atención do noso alumnado, con desdobres e máis reforzos, con melloras nas ratios e unha mellor atención á diversidade, perdeu toda razón de ser coa entrada en vigor da Lei 4/2019, do 7 de marzo, de mellora das condicións para o desempeño da docencia no ámbito da educación non universitaria. Malia iso, o único cambio na resposta da Xunta foi de argumentario: de escusarse na legalidade (a aplicación do aumento dos horarios implantado unilateralmente polo goberno Rajoy nunha clara intromisión nas competencias propias da Xunta) pasouse a unha suposta falta de fondos estatais que ninguén cre nin pode tomar a serio, máxime cando o goberno galego leva anos gabándose dunha suposta boa xestión que o profesorado non ve por ningún lado.

O persoal docente respostou contundentemente coa súa participación nas mobilizacións convocadas que culminaron na convocatoria da folga do 12 de decembro. Porén, na Consellería non amosaron disposición a abrir unha vía de diálogo para que o curso escolar 2020/21 poida comezar cunha mellora que non só sería positiva para todas e cada unha das e dos profesionais que facemos que día a día o noso sistema educativo público funcione senón, e sobre todo, para devolver parámetros de calidade debilitados nesta última década, na que a sobrecarga lectiva, burocrática e de ratios primaron sobre a necesaria coordinación didáctica e a mellor atención ao alumnado.

Desde o 12 de febreiro non tivemos resposta do Sr. Feijóo. Iso é algo que ademais de demostrar unha absoluta falta de consideración e respecto, dá boas mostras da nula intención de recoñecer os nosos dereitos e as nosas xustas demandas.

Vostede encabeza a candidatura á presidencia da Xunta de Galiza pola súa organización política para as eleccións do 5 de abril. Nesa condición, a dunha persoa que se presenta para dirixir o noso goberno, é na que nos diriximos a vostede, como máximos responsábeis das organizacións sindicais do ensino público de Galiza. Facémolo cun único propósito, o de saber se está en disposición de subscribir un compromiso ben claro e conciso no caso de que teña responsabilidades de goberno despois do 5 de abril:

Comprométese vostede a negociar a devolución do horario lectivo do profesorado galego para podermos recuperar os 21 períodos lectivos en infantil e primaria e os 18 na secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial, con efectividade para o curso escolar 2020/21?

A redución do horario lectivo, que non da nosa xornada de traballo, non é o único problema que temos como profesorado. Desde as ratios á burocracia pasando pola elección democrática das direccións ou a atención á diversidade, son moitos os retos que ten por diante o ensino público, mais recuperarmos o que é noso, o que se nos arrebatou, é unha prioridade para todos e todas as que, co noso traballo, axudamos a construír un ensino público galego digno e de calidade.

Agardamos a súa resposta .
Reciba un cordial saúdo en nome de

CCOO-ENSINO CIG-ENSINO ANPE FESP-UGT STEG CSIF