CCOO-Ensino denuncia irregularidades na celebración dos procedementos selectivos de acceso aos corpos docentes de Galicia.

ver infórmaTE

As probas, que comezaron a realizarse o día 23 de xuño en diferentes partes da xeografía galega, presentaron nalgúns casos irregularidades que CCOO quere denunciar e que poderían ter sido evitadas de seren aceptadas pola administración as propostas de CCOO feitas na Mesa Sectorial onde se tratou a orde de oposicións.

  • CCOO demandou que se deran instrucións claras a todos os tribunais. De terse feito non habería equívocos como o caso de presentar a proba en sobre aberto xa no momento da presentación, e estaría claro que o acto de presentación ten que ir seguido dun descanso antes de iniciar a primeira proba
  • CCOO propuxo que as probas foran as mesmas en todos os tribunais da mesma especialidade para garantir igualdade de oportunidades entre todas as persoas opositoras. Deste xeito teríase evitado unha proba irresoluble, coas nefastas consecuencias que isto ten para os opositores xa que houbo quen perdeu moito tempo intentando resolver algo que non tiña solución. Nesta liña CCOO demanda que o exercicio irresoluble do tribunal de Tecnoloxía sexa anulado.
  • CCOO tamén advertiu dos problemas que podería xerar a climatoloxía e demandou que se  tomaran medidas preventivas para paliar a posible situación. Non se podían evitar as altas temperaturas, pero de ter prevista esa continxencia habería a posibilidade de ter locais alternativos en aulas máis frescas e con outras condicións físicas nos mesmos centros.
  • CCOO xa advertiu que deberan buscarse locais axeitados á natureza das probas. Debería preverse que certas probas pola súa duración, o seu carácter práctico e de manexo do material non poden realizarse en cadeiras de pala, polo que deberan buscarse locais coas condicións axeitadas para o desenvolvemento das mesmas.

 

Finalmente, CCOO-Ensino insta á Consellería a facilitar todos os medios que sexan precisos para que o persoal opositor e o que conforma os tribunais poidan afrontar o concurso-oposición nas mellores condicións