27S. Educa polo clima . É o momento. Nun planeta morto non haberá ensino. ACTÚA!!

Como recolle a UNESCO, a Educación para o Desenvolvemento Sostible “non é un programa ou proxecto en particular, senón que é, máis ben, un paradigma que engloba as moitas formas de educación que xa existen e as que quedan por crear.”

Falar de Escola e Educación para o Desenvolvemento Sostible (EpDS) esixe integrar a dimensión ecolóxica da educación no deseño curricular, na propia organización escolar, na metodoloxía de aula e na profesión docente: un proxecto de centro sostible, comunitario, de éxito escolar persoal e social, pedagóxico, cultural e ético.

A  EpDS incumbe a todos os compoñentes da educación: lexislación, política, finanzas, plans de estudos, investigación, instrución, aprendizaxe, avaliación, formación do profesorado, etc. e esixe familiarizarse cun mapa conceptual determinado: biodiversidade, educación sobre o cambio climático, redución do risco de desastres, diversidade cultural, redución da pobreza, igualdade de xénero, promoción da saúde, estilos de vida sostibles, paz e seguridade humana, urbanización sostible, auga, etc.

Debemos lembrar cales son os principios fundamentais do desenvolvemento sostible:

  • Construír sociedades democráticas que sexan xustas, participativas, sostibles e pacíficas, garantindo a conservación da riqueza e a beleza da Terra para as xeracións futuras;
  • Protexer e restaurar a integridade dos sistemas ecolóxicos da Terra.
  • Asegurar que as actividades económicas e as institucións en todos os niveis promovan o desenvolvemento humano dunha maneira sostible e equitativa.
  • Afirmar que a igualdade de xénero e a equidade son prerrequisitos do desenvolvemento sostible.
  • Prover transparencia e responsabilidade na gobernanza, participación inclusiva na toma de decisións e o acceso á xustiza.
  • Integrar os coñecementos, valores e destrezas necesarios para un modo de vida sostible na educación formal e a aprendizaxe ao longo de toda a vida

CCOO-Ensino adquire un compromiso ecolóxico, coa finalidade de axudar á comunidade educativa a desenvolver as actitudes, competencias, perspectivas e coñecementos específicos para fomentar a reflexión consciente e o pensamento crítico do alumnado, o profesorado e as familias, para tomar decisións ben fundamentadas e actuar en favor non só do seu propio benestar senón no dos demais seres humanos, que fagan do mundo un lugar mellor e máis sostible.

CCOO-Ensino adquire un papel relevante para facer posible que a Educación para o Desenvolvemento Sostible sexa unha realidade vivida no ámbito escolar. Un elemento indispensable á hora de construír un sistema educativo mellorado, alternativo ao actual, liderando un enfoque ecolóxico, de EpDS e de dereitos humanos nas relacións económicas, sociais, culturais e políticas, que sexan capaces de activar ese “efecto bolboreta” definido polo meteorólogo Edward Loren, onde cada acción é importante por insignificante que pareza, pois pode provocar unha reacción en cadea en cada acción escolar que, como “o simple aleteo dunha bolboreta pode cambiar o mundo” e axude a saír desta espiral autodestrutiva na que nos atopamos e da que somos corresponsables.

Este compromiso concrétase nas seguintes actuacións:

  • Revisar as actuacións institucionais realizadas neste sentido, co obxectivo de asegurar que a cidadanía poida gozar en igualdade da riqueza natural do planeta.
  • Sensibilizar a cidadanía, a través do ensino, nos compromisos derivados da implantación da Axenda 2030, para facilitar a toma de decisións informadas e responsables.
  • Promover actuacións que diminúan os riscos do cambio climático, a responsabilidade na produción, consumo e uso dos recursos naturais, para mellorar a vida das persoas e das súas comunidades, que fagan do mundo un lugar mellor e máis sostible. 
  • Instar o activismo ecolóxico e a sensibilización ambiental da sociedade española.