Comeza a negociación da homologación retributiva dos docentes

Coa mesa sectorial celebrada hoxe, iníciase a negociación da homologación salarial dos docentes galegos, co fin de acadar, ao igual que nos anos 2003 e 2006, os primeiros postos retributivos de toda España.

CCOO-ensino xa presentara un escrito o pasado mes de marzo, no que instaba a Consellería a iniciar as negociacións salariais, tal e como está recollido nos acordos de 2003 e 2006, na cláusula que indica que se iniciarán negociacións sempre que o salario dos docentes non se sitúe nos primeiros postos do Estado.

Esta negociación só está ligada ao ámbito retributivo da homologación salarial, o que non impide a reclamación por parte do sindicato da apertura de negociacións que permitan recuperar as condicións anteriores á crise. Con respecto a isto, CCOO-Ensino puxo a énfase na perda do complemento específico entre os anos 2013 e 2016 nas pagas extras, a recuperación do horario lectivo de 21 horas en primaria e 18 horas en secundaria, o pagamento do verán para o persoal interino que traballase cinco meses e medio, a revogación do desconto por baixa médica, a excesiva carga burocrática, entre outras. Polo tanto, o sindicato seguirá a esixir todas estas reivindicacións das condicións de traballo, salariais, etc. de xeito diferenciado a esta negociación.

Na mesa sectorial, CCOO-ensino volveu a presentar o estudo retributivo de todo o Estado (VER ESTUDO) que xa entregara á Consellería, onde coloca os docentes galegos demasiado abaixo con respecto ao resto de comunidades autónomas. O rigor deste traballo púxose de manifesto, xa que a propia Consellería, con pequenos cambios que estamos dispostos a contrastar, deu por bos estes números, que servirán de base nesta negociación.

Desta maneira, CCOO, UXT e ANPE cifraron en 130 euros a suba mensual lineal (para todo o profesorado) coa finalidade de acadar un mellor posto ca o conseguido nos anos 2003 e 2006. 

A Consellería estudará estas cantidades e o vindeiro martes, 22 de maio, na mesa sectorial, proporá unha cantidade para abrir as negociacións e, se é posible, acadar un acordo.