CCOO-Ensino denuncia a censura da cobertura mediática da entrega por rexistro dunha carta dirixida ao presidente da Xunta solicitando a recuperación do horario lectivo do profesorado galego

Esta decisión prodúcese por vez primeira na historia da administración autonómica, como confirmaron os xornalistas presentes, a Xunta de Galicia prohibiu aos medios realizar  o seu traballo dentro das dependencias de San Caetano.

VER CARTA PRESENTADA

CCOO e o resto de organizacións sindicais con representación no ensino entregaron hoxe por rexistro un escrito no que se descarta definitivamente a interlocución coa conselleira de Educación e á súa equipa ao negarse reiteradamente a dar resposta á demanda absolutamente maioritaria do profesorado galego de recuperar o horario lectivo de 18 e 21 horas en secundaria e primaria respectivamente, tal e como quedou claro na participación da folga do 12 de decembro no ensino. 

CCOO e os demais sindicatos interpelamos e identificamos ao presidente da Xunta a Feijóo, como responsable da negativa a aplicar o cambio lexislativo estatal que anulou o Real Decreto que unilateralmente impuxo o goberno do partido Popular e consideramos que é o que pode desbloquear esta situación e restituír o horario lectivo do profesorado galego.

CCOO-Ensino quere denunciar os atrancos postos aos medios de comunicación presentes en San Caetano para cubrir a entrega de dita carta, nun sinal de autoritarismo e intento de ocultación de toda posición critica co goberno da Xunta no momento preelectoral que vivimos.

CCOO-Ensino pon de manifesto que a actuación do responsable de seguridade do complexo de San Caetano atenta contra a liberdade de prensa e impide de modo insólito o traballo dos medios de comunicación acreditados en San Caetano, baseandose nunha interpretacion moi particular da lei de protección de datos e non avindose a razóns , tendo que os medios recoller as declaracións das e dos representantes das e dos traballadores no externo do edificio.

Accións como esta evidencian un exceso de celo por parte da seguridade do complexo e un nerviosismo insolito na Xunta de Galicia, provocado pola cercanía da cita electoral autonómica e o intento de manter inmaculado ao presidente do goberno galego

 

Comparte o que pensas