A conselleira de Educación négase a negociar a redución do horario lectivo do profesorado galego

Na xuntanza de hoxe, 6 de novembro, solicitada por CCOO e as outras OOSS con presenza na Mesa Sectorial co obxectivo de abrir negociacións para recuperar o horario lectivo de 21 horas para o corpo de mestres e 18 horas en secundaria e outros corpos, a conselleira de Educación, acompañada do director xeral de Centros e Recursos Humanos e do subdirector xeral de Recursos Humanos, rexeitou de forma taxativa calquera posibilidade de iniciar este proceso.

 

No caso de secundaria, argumentan motivos económicos e inciden en que non abordaran este tema namentres  o Estado non financie a dita medida. No caso do corpo de mestres, recoñecen que non é unha cuestión económica, xa que o incremento de horario lectivo é anterior á crise e ás restricións que impuxo a normativa estatal. Escúdanse en motivos pedagóxicos dun presunto estudo pantasma que ninguén coñece e que nunca foi presentado.

As demandas dos e das representantes do profesorado son xustas, e queremos salientar que non se trata de ningunha redución de horario de traballo, que continuaría sendo o mesmo, senón dunha redución de horario lectivo que permitiría dedicar máis horas a cuestións organizativas e a unha mellor atención personalizada ao alumnado. Tamén debera ser un dato importante para as e os responsables da educación galega que outras sete comunidades autónomas xa iniciaron e algunha xa rematou o proceso de recuperación do horario lectivo.

CCOO denuncia a actitude da conselleira de Educación, con posicións inamovibles e sen intención de facer efectiva a negociación colectiva cos lexítimos representantes do profesorado.

Advertimos que esta actitude é un alicerce para profundar na unidade de acción con outras organizacións e promoveremos mobilizacións e accións para lograr a restitución do horario lectivo, que anunciaremos en conferencia  de prensa o vindeiro venres, 8 de novembro.

 

Comparte o que pensas