Hoxe luns 27 de outubro, publícase no DOG a Resolución da Dirección Xeral de Relacións Laborais pola que se dispón a inscrición no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon) do acordo asinado o pasado 17 de setembro por CC.OO e outros sindicatos para o desenvolvemento do proceso extraordinario de encadramento e acceso aos graos da carreira profesional horizontal no ámbito do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da USC.
O desenvolvemento da carreira horizontal, tamén para o persoal investigador e de apoio á investigación, xunto coa estabilización como persoal fixo dos contratos máis antigos e o desenvolvemento da contratación indefinida foron, dende as últimas eleccións sindicais, algúns do principais obxectivos da sección sindical de CC.OO na USC a respecto deste colectivo de máis de 700 persoas tradicionalmente ignorado e menosprezado.
Resumimos a continuación as cuestións máis relevantes a ter en conta:
- O acordo dá lugar ao recoñecemento de ata 4 graos progresivos na traxectoria profesional de cada unha das persoas que forman parte do cadro de persoal contratado con cargo a programas e proxectos de Investigación (o que xeralmente se coñece como persoal de capítulo VI). O sistema de recoñecemento da carreira é moi similar ao acordado para o persoal de administración autonómica e tamén ao acordado en decembro pasado para o PAS de capítulo I da USC.
- A tramitación do recoñecemento dos graos iniciarase unha vez que nos próximos días a USC publique a convocatoria no taboleiro electrónico, na que as persoas solicitantes poderán alegar os seus méritos para o encadramento nos graos da carreira que lle correspondan.
- Así, para acceder ao grado I farán falta 6 anos de antigüidade na USC, para o acceso ao grao II: 12 anos, para o III: 18 e para o IV: 24 anos.
- Tamén, ademais dos anos de experiencia, hai que reunir unha puntuación mínima de méritos avaliables para cada grao. Esta puntuación mínima poderá acadarse, tal e como se recolle no acordo, a través do cómputo dunha ampla variedade de méritos ao longo da traxectoria profesional de cada persoa: participación en proxectos, formación, publicacións, titulación, xestión e coordinación, actividades de colaboración, …
- O acordo tamén establece as mesmas contías para cada grupo profesional que as aplicadas na administración da Xunta e para o PTXAS da USC. Os importes retributivos de referencia, para cada un dos graos e segundo o grupo profesional, indícanse a continuación:

- As persoas con 24 anos ou mais de antigüidade ás que se lle recoñezan os 4 graos multiplicarán por catro esa cantidade de referencia. Se teñen 18 multiplicarán por 3; e se teñen 12 anos por dous.
- Destas cantidades de referencia, para este ano 2025, con efectos económicos xa dende 1 de xaneiro, establécese o pago do 10% da cantidade total que lle corresponda a cada persoa.
- Para as sucesivas anualidades, será no marco da Comisión de Seguimento do acordo onde se estableza a porcentaxe de pagamento, ata acadar o 100%. O acordo ten polo tanto unha importante repercusión económica nos salarios de cara aos próximos anos.
Para chegar a este acordo, negociado principalmente por CC.OO e a xerencia da USC e que entra definitivamente en vigor unha vez publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG), houbo que recorrer un longo proceso: no que os delegados e delegadas de CC.OO que forman parte do persoal investigador realizaron un gran esforzo, case sempre en solitario, na achega e discusión coa xerencia da USC de propostas e alternativas que o fixeran viable.
Pola nosa parte cremos que a participación, o traballo e as propostas son elementos imprescindibles que as distintas opcións sindicais estamos obrigados a poñer sobre a mesa en calquera negociación.
O texto do acordo publicado no DOG é o seguinte: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251027/AnuncioG0767-131025-0002_gl.pdf. Se precisas máis detalles ponte en contacto con CC.OO, recibirás información certa e fiable.
