Despois de varios meses de espera, vén de publicarse no DOG de hoxe a Oferta Pública de Emprego (OPE) do PAS laboral e funcionario da USC para 2024. Esta OPE inclúe as prazas da oferta xeral de acceso libre e as prazas da oferta de promoción interna independente. Todas elas deberán ser convocadas nun prazo de tres anos a partir da súa publicación no DOG.
OPE de Acceso libre:
Na Oferta Xeral de acceso libre incorpórase o máximo nº de prazas permitido legalmente: 120% das vacantes definitivas do ano anterior, por tratarse ao PAS das universidades públicas como sector prioritario segundo o acordo Goberno-sindicatos asinado por CC.OO en 2021. Acordouse así a inclusión neste anexo de 36 prazas de novo ingreso: 11 de PAS funcionario e 25 prazas de PAS laboral. O ano pasado foran 41 (36 de funcionarios e 5 de laborais).
O cadro acordado na Oferta libre é o seguinte:

Novas prazas de Promoción interna:
A OPE 2024 aprobada na Mesa de PAS inclúe tamén, como se vén facendo dende 2020, unha Oferta de Promoción Interna Independente con un total de 54 prazas de promoción (24 de funcionarios e 30 de laborais) que permitirán o ascenso e a mellora profesional a distintos grupos e categorías.
A proposta aprobada na Mesa constitúe ao igual que en anos anteriores un verdadeiro Plan de Promoción, que continúa as ofertas que dende 2020 suman un total de 276 prazas. Estas promocións afectan xa a un número importante de grupos e categorías de PAS laboral e funcionario; cuxos procesos en boa parte están xa rematados e coas tomas de posesión realizadas, mentres que outros están en marcha ou pendentes só da convocatoria.
Estas promocións, que vimos desenvolvendo dende 2020, están cambiando a estrutura do cadro de persoal laboral e funcionario. Estamos abrindo, a través da negociación, posibilidades de promoción reais, onde antes non había perspectiva ningunha de mellora profesional ou retributiva. Hai que lembrar tamén que a xerencia ofertaba unicamente, nun principio, un total de 19 prazas en promoción fronte ás 54 finalmente aprobadas.
A promoción interna, como se recordará, é un dos principais eixos do noso programa das pasadas eleccións sindicais: Continuar desenvolvendo e ampliando a Promoción Interna independente tanto para PAS laboral como funcionario.O acordo da Mesa sobre a promoción reflicte en gran medida as propostas que presentaramos dende CCOO no curso da negociación. Aínda así na xuntanza botamos en falta que non se aceptara a nosa proposta de abrir a vía da promoción en outras categorías e para o acceso dende o grupo II ao grupo I, das persoas para as que xa se exixe unha titulación de Grao.
O noso obxectivo é consolidar estas ofertas de promoción independente, dando pé a unha estrutura de carreira vertical real no ámbito do PAS; onde poderá existir un grupo ou subgrupo de acceso, e un ascenso a través de procesos de promoción que afecte a todos os grupos profesionais. Unha carreira vertical que deberá complementar as melloras derivadas da carreira horizontal que segundo se comprometeu a xerencia, tamén nesta reunión da Mesa, comezará tamén a negociarse antes do 15 de xuño.
O cadro final da distribución en grupos e categorías da promoción interna aprobada para 2024 é o seguinte:

Esta OPE de 2024, tanto de acceso libre como de promoción interna, fora aprobada na mesa xeral de negociación de PAS co voto favorable de CC.OO e UGT e a posición contraria de CIG, CSIF e PUSC; mentres que TGU e USO non asistiron á xuntanza nin escusaron asistencia.