Carreira Profesional
Coa convocatoria publicada onte, para o recoñecemento do complemento retributivo do grao I da carreira horizontal extraordinaria, o PAS da USC vén de dar un paso decisivo na mellora das condicións retributivas; sen dúbida o máis relevante en moitos anos. Como xa diciamos en decembro pasado, no momento da firma do acordo, a implantación da carreira horizontal ten unha importante repercusión económica nos salarios consolidados da plantilla do PAS da USC dende agora e para os próximos anos.
Como se recolle no acordo asinado en decembro por CC.OO, CIG e UGT (ao que os demais sindicatos presentes na universidade non quixeron poñer a súa firma) esta convocatoria extraordinaria é de aplicación a todo o persoal da USC: funcionario de carreira, funcionario interino, laboral fixo e laboral temporal. Todos os membros do PAS con cinco anos de antigüidade e 40 horas de formación recibida poderán presentar as súas solicitudes dende hoxe ata o 29 de marzo.
Unha vez que se tramiten as solicitudes, e publicado o acordo no DOG, as cantidades a percibir, con efectos salariais dende 1 de xaneiro pasado, serán as seguintes para cada un dos grupos profesionais do PAS da USC:
Tal e como se desprende do gráfico, aínda que en 2023 só se percibirá inicialmente o 50% da contía anual, en 2024 xa se percibiran as contías totais, co incremento adicional que se acorde para o persoal das administracións nos Orzamentos do estado; prevéndose tamén no acordo que en 2023 se poderá percibir un 10% adicional, acadándose o 60% da contía anual total xa este mesmo ano.
Os membros da sección sindical de CC.OO sentímonos contentos e satisfeitos do resultado do noso traballo e da perseveranza empregada na negociación polos nosos delegados e delegadas durante un longo período, que nos permite demostrar a utilidade do noso traballo sindical e das nosas propostas en defensa dos intereses do conxunto do cadro de persoal dos distintos sectores do PAS. Só como resultado dese traballo de CC.OO da USC é posible explicar que sexamos a primeira, e polo momento única, universidade galega na que se implantan as retribucións por carreira horizontal para o PAS.
Estes resultados teñen máis importancia aínda, dende o punto de vista retributivo e de cara ao futuro, se temos en conta que neste mesmo ano 2023, se negociará, en canto remate o período de eleccións sindicais, a posta en marcha da Carreira horizontal ordinaria; así como o acceso extraordinario aos Grao II da carreira horizontal que será de aplicación en 2024.
CCOO o teu sindicato, a mellor garantía