Reforzar os dereitos do persoal funcionario
Dende CCOO hai anos que vimos denunciando que determinadas accións da USC, que afectan ao seu persoal, non son as máis axeitadas. Cremos que xa é hora de afrontar unha problemática que non pode deixarse no caixón por máis tempo. Chegou a hora de cambiar o ineficaz sistema implantado na USC e que os funcionarios e funcionarias teñan verdadeiras posibilidades de concurso, promoción e mobilidade na súa traxectoria profesional. Porque o normal non ten que ser estar anos esperando por un concurso ou por unha promoción interna.
O Concurso de Traslados
Precisamos dun concurso eficaz, práctico e operativo. Que se convoque de xeito regular para que o persoal funcionario poida facer plans a longo prazo, segundo os seus intereses, e non ver así limitada a súa carreira profesional.
O concurso de traslados da modalidade B estase a converter na historia interminable, a iso hai que engadir a limitación que supón non dispoñer de fase de resultas para poder ocupar con carácter definitivo as vacantes xeradas por este concurso. Pola súa parte, o concurso da modalidade A segue a agardar “sine die” a que nalgún ano, ou lustro, se resolva a modalidade B.
Dende CCOO seguimos a solicitar a instauración do concurso permanente, fórmula que se aplica en cambio sen problemas para o persoal laboral, e que se convoque cada vacante orixinada para a súa provisión de forma definitiva. En plena era dixital, existen os medios técnicos para poder poñelo en marcha.
Facelo así, axudaría a reducir a provisionalidade, reforzaría unidades que nun momento concreto necesitasen efectivos por unha carga de traballo e reduciría ao mínimo o uso do sistema de comisións de servizo, tan estendido na USC. Acabando así coa tamén “interinidade” do persoal funcionario de carreira que, hai que recordar, nesta situación de comisión de servizos non consolida o grao.
A Promoción Interna
A promoción interna ten que ser, dunha vez por todas na USC, un sistema de provisión efectivo de postos. Así, a convocatoria das 50 prazas de promoción interna de C1 para A2 debe poñerse xa en marcha, ao igual que o resto de promocións acordadas coa OPE de 2020. As probas deben corresponderse cos postos a desempeñar, con temarios reducidos, tal e como prevé e permite a lexislación.
Os tribunais deben facer uso de criterios homoxéneos para todas as convocatorias de promoción ao valorar as probas realizadas. Debe terse en conta que as persoas que se van a presentar xa pasaron todas procesos selectivos de ingreso de PAS funcionario.
As Comisións de Servizo
As comisións de servizo estanse a converter na forma normal de provisión na USC, cando deberían ser algo excepcional. Deberían ser só un xeito extraordinario de cubrir prazas puntuais, por necesidade inaprazable, mentres non se poidan cubrir por concurso (que debería ser permanente). A USC debe respectar a normativa, tamén en canto á súa duración máxima, ofertalas con publicidade, e adxudicalas con fundamento e obxectividade.
A verdade é que, ante a falta de concursos e de procesos de promoción interna, a única maneira de moverse é a obtención dunha comisión de servizo. Pero, cos criterios empregados pola xerencia, impídese optar a eses postos a moitas persoas, ao obrigar aos xefes de servizo ou unidade a facer informes desfavorables, so pena de perder os efectivos. Esta esixencia debe desaparecer de inmediato.
Sinceramente, non parece que esteamos a pedir cousas tan difíciles de acadar. Convidamos ao resto da Xunta de persoal a traballar unida, con estes obxectivos, para forzar á xerencia na súa consecución.