CCOO esixirá na comisión paritaria novos avances
Coa súa publicación no DOG, o pasado 24 de novembro, entrou en vigor o Acordo sobre a clasificación profesional e de equiparación de condicións retributivas do persoal de apoio á investigación de Capítulo VI (Persoal de proxectos).
Este acordo supón un salto importante polo que significa de concreción nun texto oficial, asumido pola USC e publicado no DOG, da obriga de equiparar, logo dun período transitorio, as condicións laborais e retributivas do Persoal de proxectos de Capítulo VI ás do PAS de Capítulo I.
Pero como xa temos dito, para nós este acordo non é un final, senón un chanzo dunha longa escada que haberá que subir. Tal e como nos comprometemos, os delegados/as de CC.OO elixidos nas eleccións sindicais de 2019 estamos pelexando por desenvolver, aplicar e mellorar ese acordo dende o primeiro momento.
A equiparación retributiva prevista no Acordo acadarase por unha dobre vía:
- Por un lado, para os novos contratos, cada ano incrementaranse os salarios mínimos por categoría nun 5% co que, en 8 anos, se acadará o 100 % do salario da categoría de referencia de Capitulo I. (Ver anexo II)
- Por outro, en canto á equiparación do persoal de apoio con contratos vixentes: no 1º ano, os T.S de Apoio á Investigación que ganen menos de 25.719,12€ anuais terá una mellora de 150 € mensuais, e os Axudantes de Apoio á Investigación con menos de 19.250 € correspóndenlle 100 € mensuais. (Ver Disp. Transitoria 5ª para anos sucesivos)
- Así mesmo e como garantía, o persoal con contratos vixentes, que teña retribucións superiores ás do acordo, percibirá un complemento “ad personam”, para manter as retribucións establecidas no seu contrato. (Ver Disp. Transitoria 1ª)
Polo momento, para os novos contratos, os salarios mínimos de cada categoría xa se incrementaron dende principios de ano ata acadar o 65% do salario de referencia en Capítulo I. Ao tempo que se actualizaron todos os contratos co incremento do 0,9% do IPC do goberno.
Por outra parte, coa Convocatoria Pública 1/2021 de contratación de persoal, xa se implementaron as novas categorías e as súas correspondentes retribucións, segundo o previsto no acordo.
De cara á próxima reunión da Comisión Paritaria do acordo, en CC.OO estamos centrando os esforzos nos seguintes puntos que xa lle trasladamos á xerencia da USC:
- Unha vez establecidas as retribucións para os novos contratos, temos que insistir na inmediata actualización dos salarios dos contratos en vigor tal como se recolle no Acordo, lembrando que a actualización debe ser con carácter retroactivo
- Establecer con carácter inmediato o procedemento para a aplicación da Disposición Transitoria Primeira do Acordo, para que ningún traballador vexa minorados os seus ingresos pola aplicación das novas condicións
- Avanzar de maneira decidida na aplicación do RD-Lei 3/2019, reclamando que de unha vez por todas o establecemento de contratos indefinidos
En CC.OO consideramos que o colectivo de persoas de Capítulo VI representa unha parte moi considerable das persoas que traballan na USC, e é parte fundamental desta Institución; traballando a prol do desenrolo da I+D e xerando recursos e prestixio. O avance decidido nas súas condicións e o recoñecemento do seu papel na estrutura desta Universidade é unha tarefa aínda pendente que non se debe adiar máis no tempo. Por iso, seguiremos traballando para que o desenrolo deste Acordo sirva para dar un pulo definitivo, na mellora do persoal de Capítulo VI.