Información de CC.OO. sobre as convocatorias de promoción interna do PAS Laboral

Convocatorias de promoción interna do PAS Laboral

Debido as varias dúbidas e consultas que nos chegaron estes días, logo da publicación da convocatoria de promoción interna para cubrir 37 prazas de Técnico/a de Servizos xerais, dende a sección sindical de CC.OO queremos difundir a seguinte información para todo o cadro de PAS laboral en relación aos procesos de promoción interna actualmente en marcha.

A reforma da área de conserxería, acordada no seu momento entre a USC e o comité intercentros, ten entre os seus elementos principais para o persoal os seguintes:

  • Creación da nova categoría de Auxiliar Técnico de Servizos, por unificación das antigas categorías de ATI e OFI
  • Cambio de denominación das conserxerías, pasando a chamarse Puntos de Atención, Información e Servizos (PAIS)
  • Incremento do salario base en 600€ anuais para todo o grupo IV
  • Creación de 15 postos singularizados de Coordinador de Servizos e das agrupacións de centros
  • Dotación de postos en Grupo III para a promoción, sen cambio de posto do persoal da área

A unificación de categorías, o cambio de denominación e o incremento dos 600 € xa se fixeron efectivos dende o pasado 1 de xullo; logo de superado o curso formativo para o acceso á nova categoría no que participou o persoal da área.

A creación dos 15 novos postos singularizados de Coordinador das agrupacións de centros están pendentes da resolución do concurso específico convocado no mes de xaneiro.

En canto á dotación por 1ª vez de postos de grupo III en promoción interna para o persoal da área, o luns pasado publicouse no DOG a convocatoria para cubrir as 37 prazas acordadas na Oferta Publica de Emprego (OPE) de 2020 e 2021.

Precisamente coa publicación desta convocatoria de promoción de 37 prazas, detectouse que a USC non rematara unha parte dos procedementos acordados na reforma e non se anotara na RPT a adscrición a dous grupos (III/IV) das prazas da área. Esa falta de corrección na RPT motivou que na convocatoria de promoción, publicada este luns, non aparecese que as persoas que aprobasen quedarían no posto que xa ocupan actualmente.

Nos próximos días vaise a publicar unha resolución modificando a convocatoria, para adaptala ao acordado no seu día, quedando as persoas que aproben no posto que xa ocupan actualmente. Como consecuencia abrirase un novo prazo de presentación de solicitudes no proceso selectivo de promoción interna. As persoas que xa fixeron a solicitude non terán que volver a presentala.

Por outra parte, CC.OO continuamos presionando e impulsando, dende o comité intercentros, a posta en marcha das convocatorias aínda non publicadas de promoción interna que fomos acordando nos dous últimos anos.

Dado que as convocatorias de promoción da RIAIDT xa se publicaron en xaneiro no DOG, neste momento estamos pendentes de recibir da xerencia as propostas de convocatoria de promoción interna para cubrir as restantes 32 prazas de 7 categorías profesionais acordadas ata o momento no ámbito do PAS laboral e publicadas na OPE:

  • 12 prazas de Area TIC (8 para Grupo I e 4 para o II)
  • 4 prazas de Técnico Grado medio de Investigación (Grupo II)
  • 3 prazas de Técnico/a Especialista de Investigación (Grupo III-1) de Animalario
  • 7 prazas de Xardineiros (Grupo III)
  • 4 prazas de Condutor (Grupo III)
  • 1 praza de Cociñeiro, 1 de Calefactor e 1 de Socorrista (Grupo III)

No ámbito de PAS funcionario, aínda non se recibiu proposta algunha para a convocatoria das 50 prazas para a promoción de C1 a A2, impulsada tamén dende CC.OO e acordada na OPE de 2020, pese aos nosos esforzos na xunta de persoal e á nosa insistencia ante xerencia.

Na negociación da OPE de 2022, os representantes de CC.OO imos a seguir esforzándonos, como xa fixemos nestes anos atrás, en continuar ampliando as oportunidades de promoción con novas prazas e categorías.

CCOO o teu sindicato, a mellor garantía