
Consulta a entrevista coas dúas candidatas nas eleccións a Reitora da USC (2026).
Quen vas propoñer como Xerente/a e a/o Secretaria/o Xeral?
ROSA CRUJEIRAS:
Juan Manuel Díaz Villoslada como Xerente
Licenciado en Dereito, pertence ao Corpo
Superior de Administración da Xunta de Galicia.
Traballou na administración autonómica, foi
xerente da UdC e na actualidade é o Xefe de
Tesourería do Concello de A Coruña
Alicia Villalba Sánchez como Secretaria Xeral
Licenciada en Dereito é Profesora Titular de
Dereito do Traballo e da Seguridade Social na
USC e Secretaria do Centro de Estudos
Cooperativos da USC (CECOOP)
MAITE FLORES:
Xosé Antón Freire Ramos como Xerente
Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación,
desempeñou diferentes postos de responsabilidade
na USC entre eles Vicexerente, actualmente é o
Coordinador Xeral do Concello de Santiago de
Compostela
Dulce García Mella como Secretaria Xeral
Licenciada en Matemáticas e en Dereito e funcionaria da Escala de Técnicos Superiores de Administración, foi Vicexerenta, Xerenta en funcións e Secretaria Xeral na USC
Cal vai ser o “concepto” do modelo xerencial?
A misión da Xerencia debe de orientarse cara a unha xestión eficaz, eficiente e sostible dos recursos económicos e administrativos da USC, cunha preocupación esencial pola motivación, a suficiencia de efectivos e a capacitación dos seus
cadros de persoal, apoiando a innovación e a calidade dos servizos á comunidade universitaria, as estratexias de excelencia e fomentando un entorno sostible e inclusivo; todo isto aliñado cos
obxectivos de reforzar unha Universidade referente na docencia, na investigación, na transferencia de resultados, na cultura e na súa
proxección internacional.
A xerencia é a culminación da estrutura profesional do PTXAS, e na que queremos que o persoal se sinta
integrado.
O modelo estará fundamentado no establecemento de obxectivos estratéxicos establecidos e dialogados cos servizos, tendo sempre presente a modernización administrativa, a simplificación dos
procesos e o recoñecemento profesional das persoas.
Como vas definir a proposta de negociación sindical?
Queremos unha negociación sindical baseada no diálogo construtivo, na confianza mutua e na busca de solucións que reforcen tanto os dereitos do persoal como a calidade e sustentabilidade da universidade. A nosa vontade é establecer un marco de relación estable cos representantes sindicais baseado na transparencia, na información compartida e na procura de acordos que melloren as condicións laborais e o funcionamento da institución.
Recoñécese a importancia da representación sindical e da negociación colectiva. Negociaranse cos representantes das/os traballadoras/es as políticas de actuación e normativas que afecten ás súas condicións de traballo. Tratarase de evitar a xudicialización dos conflitos, apostando pola negociación eficaz e a busca de acordos.
Que opinas sobre a posibilidade de que centros de investigación teñan personalidade xurídica propia? Hai posibilidades aínda que sexan remotas de que esta iniciativa poida chegar a impoñerse contigo como Reitora?
Somos coñecedores da necesidade de axilizar procesos que dificultan a actividade dos centros e fan que sexa complicado manter a súa competitividade, se ben esta é unha problemática xeral a toda a estrutura de investigación.
En todo caso, tamén é certo que resulta necesario realizar unha análise rigorosa e detallada dos procedementos actuais relacionados coa xestión da investigación e coa contratación de persoal investigador. O obxectivo debe ser identificar melloras que permitan dar unha resposta máis áxil ás necesidades dos centros de investigación, favorecendo unha maior capacidade operativa e autonomía, pero sempre dentro dun marco que preserve a coherencia institucional, sendo os centros parte propia da institución, e as garantías laborais do persoal.
Abordar directamente os problemas estruturais que limitan o potencial investigador: burocracia excesiva, acompañamento escaso e retención de talento.
A Universidade non pode permitirse o luxo de perder os seus centros punteiros de investigación, con todo o que iso leva consigo de prestixio, captación de recursos e talento, profesorado motivado e de gran potencial para a docencia e a formación, etc. Unha cousa e facilitar que estes centros poidan funcionar de forma descentralizada para que sexan mais eficientes, e outra cousa é desentenderse deste capital tan valioso, punta de lanza na creación e transferencia de coñecemento e motivo de orgullo para todos os membros da USC.
A USC é pioneira en España e Europa en ter centros singulares universitarios de máximo nivel, non o podemos perder.
Condicións de traballo do persoal de investigación
Os acordos acadados nos últimos anos en relación co persoal de investigación e de apoio á investigación supoñen avances importantes na mellora das súas condicións laborais e no recoñecemento do seu papel esencial no sistema universitario. Por tanto, o noso compromiso é claro: estes acordos deben respectarse e aplicarse plenamente, garantindo a súa continuidade e desenvolvemento efectivo.
Ao mesmo tempo, entendemos que estes pasos deben considerarse parte dun proceso de mellora progresiva das condicións de traballo deste colectivo. Neste sentido, estamos abertos a seguir avanzando no diálogo cos representantes sindicais e cos propios colectivos implicados para identificar novas melloras que poidan reforzar a estabilidade, o recoñecemento profesional e as perspectivas de carreira do persoal investigador e de apoio á investigación.
Neste sentido, comentado co propio colectivo, realizaríamos a súa incorporación progresiva ao Capítulo I, o que implica evidentemente un incremento de masa salarial (limitada cada ano pola Xunta de Galicia a través da Lei de Orzamentos Xerais).
Respectaremos e afondaremos nos acordos acadados nos derradeiros anos coa intención de mellorar as condicións laborais deste persoal, desde as condicións retributivas ata o desenvolvemento dunha carreira profesional, abrindo a posibilidade de atopar escenarios máis estables para a súa regulación.
A intención do noso equipo é abordar unha regulación completa e actual tanto do persoal investigador como do de apoio á investigación, non só en termos retributivos senón tamén no ámbito da promoción e tamén da formación.
Impulsaremos un programa de apoio á implantación e fixación de persoal investigador específico no Campus de Lugo.
Reforzaremos o cadro de persoal investigador e potenciaremos as súas carreiras profesionais.
Desenvolveremos un programa específico de formación para persoal investigador en fases temperás.
Negociaremos coa Xunta o incremento de masa salarial para dar cabida ao persoal investigador estabilizado nos últimos anos.
Imos ter unha mellora no financiamento dos Programas de Doutoramento e Másteres?
Sen dúbida, esta é unha demanda amplamente compartida pola comunidade universitaria.
A nosa proposta pasa por incrementar de maneira sensible e progresiva o orzamento da Escola de Doutoramento e, en consecuencia, a dotación dos programas, co obxectivo de converxer —e, se é posible, superar— o nivel de financiamento que reciben os programas de doutoramento noutras universidades do Sistema Universitario Galego e do conxunto do Estado.
En relación cos másteres, tamén é imprescindible asegurar unha dotación axeitada que permita mellorar a calidade da formación impartida e reforzar o seu atractivo académico.
Os programas de doutoramento e máster teñen unha dotación moi baixa nestes momentos que non permite desenvolver case ningunha actividade.
A intención é incrementar esta dotación base para poder traballar en actividades relevantes, e así facilitar, por un lado, a formación de calidade nos másteres e, por outra banda, que o doutoramento sexa a «columna vertebral que articule a
investigación universitaria».
Procesos de promoción de PDI… voltaremos ás bolsas de acreditados? Poderiamos ter problemas co proceso de estabilización e a saída de prazas novas de Axudantes Doutores durante a transición de Goberno? Modificarás os criterios docentes para a solicitude de prazas? Que pensas das HDE?
Esta candidatura manterá unha aposta clara pola promoción do seu persoal, tratando de que estas promocións se produzan no menor tempo posible unha vez acadada a acreditación á categoría superior, sempre dentro das posibilidades orzamentarias da institución.
Esta candidatura solicitou ao actual equipo de goberno que, co fin de evitar problemas na impartición de determinadas materias derivados da posible non resolución dos concursos de novas prazas de PDI antes do inicio do curso 2026-2027, se procedese á convocatoria inmediata das prazas de nova creación de Axudantes Doutores.
Ao mesmo tempo, resulta imprescindible abordar unha planificación estrutural do cadro de PDI da USC, non só a curto e medio prazo, senón tamén a medio e longo prazo. Esta planificación debe ter en conta non só as xubilacións previstas, senón tamén outros factores relevantes, como a composición das áreas e departamentos, a idade media e a distribución por idades do profesorado, así como a dedicación académica efectiva do PDI.
Neste contexto, cómpre revisar o papel actual das HDE. Por iso consideramos necesario avanzar cara a unha verdadeira normativa de dedicación académica do PDI.
Tal e como xa están a facer outras universidades, esta dedicación académica debe integrarse na planificación do cadro de profesorado.
A primeira actuación en materia de PDI será iniciar os trámites para a convocatoria das prazas de estabilización do PDI que remata contrato este ano, evitando a súa perda de vinculación coa USC. Seguidamente analizaremos as necesidades docentes inaprazables en áreas onde a capacidade docente non cubre o encargo, creando prazas de Axudantes Doutor ou PPL/TU segundo o caso.
En materia de promocións, seguirase traballando para que non se cree bolsa de acreditados, apoiando a promoción académica en todas as áreas.
Farase unha revisión xunto coa Mesa de PDI dos criterios empregados para a definición das necesidades estruturais das áreas revisando os criterios para a definición das necesidades, así como das HDE.
No caso de ser elixida, tanto eu como o meu equipo porémonos a dispor do Equipo de Goberno saínte para axilizar ao máximo dous procesos que consideramos claves: a saída de prazas de nova contratación de Axudantes Doutoras/es (necesarias/os para acometer con éxito o inicio do vindeiro curso) e a promoción a figuras estables das/os Axudantes Doutoras/es acreditadas/os, e que de ter unha transición pouco áxil crearían situacións non desexables e evitables para este persoal docente.
Tema “fakes” e campaña politizada. Que che parece este tipo de campañas politizadas e pouco académicas?
Paréceme totalmente improcedente nunha contorna académica. A universidade debilítase cada vez que a campaña abandona o debate académico e a confrontación de ideas para entrar no terreo da degradación do debate público, das insinuacións, das sospeitas infundadas e, incluso, da descalificación persoal ou profesional. No meu caso, tomei unha decisión consciente: non participar nunha dinámica de descalificación persoal nin de confrontación agresiva baseada en insinuacións.
A universidade debe ser un espazo de diálogo, debate, discusión rigorosa, respecto e contraste de propostas. Por iso, considero que esta campaña debe centrarse no intercambio de ideas, na presentación de proxectos e na reflexión sobre o futuro da institución, evitando dinámicas que non contribúen nin ao prestixio da universidade nin á calidade do debate académico.
Este tipo de campañas non deberían ter lugar nunhas eleccións universitarias, que deberían terse mantido no plano académico. Fraco favor nos facemos como comunidade universitaria. Non debemos esquecer que estamos a formar aos que serán o futuro da nosa sociedade.
Confrontamos, sempre desde o respecto e a educación, aspectos sobre candidatas, equipos da candidatura e programas, que é o que se debe comparar para que a comunidade poida elixir quen vai pilotar o futuro da Universidade nos próximos seis anos.
Non houbo pola miña parte, nin vai haber, ningunha crítica escondida tralo anonimato.
Tralas advertencias da Comisión Electoral, reclamamos que Rosa Crujeiras faga unha reprobación pública da súa candidata a Vicerreitora de Innovación e Ciencia Aberta, e doutra persoa ligada á súa candidatura, por infrinxir a normativa electoral na propia xornada electoral e na xornada de reflexión.
Como estades a financiar a vosa campaña?
Cubriuse cos 5.000 euros de orzamento da campaña que aporta a USC e aportacións económicas do equipo.
Estanse a empregar os fondos que a USC puxo a disposición da candidatura e as aportacións do equipo.
Como afrontas o modelo de xestión das residencias universitarias?
O único modelo que concibimos é o dunha xestión exclusivamente pública, asumida directamente pola universidade a través do Servizo Universitario de Residencias (SUR).
Somos conscientes, ao mesmo tempo, de dúas necesidades prioritarias. Por unha banda, ampliar a oferta de prazas de aloxamento universitario, e por outra, abordar con carácter inmediato investimentos en mantemento e mellora das residencias existentes. A nosa prioridade será pois reforzar e consolidar o sistema público de residencias da USC, garantindo tanto a súa viabilidade a longo prazo como unhas condicións dignas de aloxamento para o estudantado.
A dispoñibilidade de aloxamento universitario público e accesible é un factor crítico para a captación de alumnado, e de xeito particular detectamos que o Campus de Lugo presenta un déficit estrutural neste ámbito.
Cun modelo de xestión pública.
Imos traballar nunha reforma eficiente e sostible de residencias universitarias, garantindo espazos confortables e modernos.
Incrementar o número de prazas de residencias universitarias públicas.
Impulsar a modernización integral da residencia universitaria Bal e Gay.
Que papel vai ter o estudantado no teu modelo de Universidade? Revitalización presenza na xestión das Residencias, peso específico no claustro, nas decisións do Equipo de Goberno, etc.
Cremos que o estudantado debe ocupar un papel central no modelo de universidade que defendemos, non só como destinatario da formación universitaria, senón tamén como parte activa na vida académica e institucional da USC.
Por unha banda, queremos reforzar os mecanismos de participación do estudantado nos órganos de goberno e representación, coa participación a través do Consello do Estudantado como órgano institucional, nas asociacións estudiantís e noutros modelos de organización que este colectivo considere poden ser vías moi útiles para a interlocución.
Por outra banda, avanzar na súa implicación na xestión e avaliación de servizos que lles afectan directamente, os servizos de apoio ao estudantado ou en determinados aspectos da vida nos centros.
Ao mesmo tempo, queremos promover unha cultura de participación máis activa do estudantado na universidade, facilitando espazos de interlocución periódica co equipo reitoral e reforzando o papel das súas representacións.
Impulsarase un papel proactivo do estudantado a través das diferentes vías de representación: Consello do Estudantado, xuntas de centro, consellos de departamento, delegacións nos centros, etc.
Ofertaranse accións formativas para facilitar ao estudantado o exercicio da representación.
Queremos fomentar máis a participación do estudantado en iniciativas solidarias e de voluntariado.
Favorecer o asociacionismo como unha forma de participación transversal na vida universitaria, dotándonos dun rexistro interno de asociacións, no que se poderán incorporar, ademais das asociacións de estudantes, as que se constitúan por outros colectivos universitarios.
Fomentaremos o asociacionismo e a implicación da comunidade universitaria, particularmente do estudantado, nos órganos colexiados, reforzando a difusión das oportunidades de representación e das canles de participación.
