CCOO reclama da Xerencia un pulo decisivo aos compromisos co PAS antes do 31 de xullo

Máis de 180 persoas do PAS laboral cambian de categoría o 1 de xullo

Con efectos de 1 de xullo, logo de que a finais de maio remataran as accións formativas nas que participaron máis de 180 persoas, unificaranse por fin as categorías laborais de ATI e OFI, mellorando as posibilidades de concurso e aumentando o seu salario, ao igual que o resto do grupo IV, en 600 € anuais. As oposicións de ambas categorías, segundo o proposto por CC.OO, integraranse nunha única convocatoria de Auxiliar Técnico de Servizos que se publicará este ano e que incluirá un importante nº de vacantes, e para a que xa se coñece a proposta inicial de temario.

Tamén a semana próxima, logo da demanda de CC.OO, se celebrará o acto de conciliación polo incumprimento da USC do Acordo sobre a xubilación obrigatoria , que esixe que as vacantes derivadas do mesmo se cubran de maneira inmediata. Ante a resistencia ao seu cumprimento puxemos en marcha os tramites xurídicos para obrigalos, como tamén fixeramos recentemente coa sentenza ganada sobre as achegas ao Plan de Pensións.

Estes dous temas, o Acordo de unificación de categorías e a demanda sobre a xubilación obrigatoria, exemplifican a persistente actuación de CC.OO para sacar adiante as nosas propostas para o persoal e para esixir da xerencia, moitas veces en solitario, o cumprimento dos compromisos co PAS.

Propostas e compromisos aos que non renunciamos e aos que, cando xa se cumpriron 3 anos do seu mandato, a xerencia debe dar un pulo importante e de verdade nas semanas que quedan ata finais de xullo.

Entre as cousas urxentes, que non se poden retrasar máis e que necesitan dese pulo, están as seguintes:

  • No ámbito do persoal laboral, xa o verán pasado a xerencia se comprometera a presentar a reforma da RPT dos Técnicos de investigación, que deberá proseguir coa revisión xeral das areas pendentes no ámbito do PAS laboral
  • Ninguén comprende os casos de arbitrariedade nas comisións de servizos do PAS funcionario e a falta de cobertura de baixas de maternidade e paternidade
  • É necesario tamén acordar a OPE de PAS laboral e funcionario de 2021, para avanzar na estabilización do persoal interino e sumar máis prazas na promoción interna independente
  • No ámbito do PAS funcionario, hai que concretar neste período as propostas de reforma das áreas económica e de xestión académica, que deben servir para avanzar na xestión e posibilitar melloras para o persoal
  • É necesario completar, e que non quede a medias, a reforma das conserxerías e definir as agrupacións definitivas nas que se integrará o persoal laboral desta área
  • Tamén é necesario rematar a negociación das oposicións que deben convocarse este ano (as mais masivas, tanto de laborais e de funcionarios) e iniciar as convocatorias de promoción interna independente

2021 é un ano crucial para a valoración que se poida facer do actual equipo de goberno e do xerente que entran no seu último ano de mandato. Neste sentido, queremos recordar aquí que na última reunión do claustro, e ratificado despois polo consello de goberno, a USC asumiu no texto dos orzamentos vixentes para 2021 os seguintes compromisos co PAS:

  • Durante este ano 2021 convocaranse as probas selectivas, previstas nas ofertas de emprego de anos anteriores, que permitirán estabilizar ao persoal interino, reducir a precariedade e rexuvenecer o cadro de persoal, así como a promoción interna acordada nos ámbitos de PAS funcionario e laboral
  • Ademais e tendo en conta que o Plan plurianual para o PAS se presentou con máis dun ano de retraso, e ata 2020 non foi posible abordar as actuacións propostas, neste ano 2021 farase un esforzo especial por recuperar o tempo perdido. Así, proseguirase coa reforma e revisión xeral da RPT das distintas areas, necesaria para a mellora permanente dos servizos, e comprometida coa representación do persoal
  • En canto á Oferta de Emprego Público de 2021, continuaranse as políticas de estabilización e sumaranse novas prazas de promoción interna independente, posibilitando os dereitos de promoción
  • Tamén en 2021, de acordo co previsto no Plan de PAS, se negociará coa representación de persoal a posta en marcha da carreira profesional horizontal do PAS, único colectivo de persoal público do noso entorno no que aínda non se implantou

Por parte de CC.OO imos a continuar sendo persistentes e firmes ante a xerencia na concreción deses obxectivos, aportando propostas e comprometéndonos na negociación; conscientes de que os acordos sempre terán imperfeccións que haberá que seguir mellorando. Pedímoslles aos demais sindicatos que nos acompañen no esforzo que debe ser de todos.

Ver a nova en pdf