CCOO reclama da Xerencia o cumprimento dos acordos e un maior respecto aos compromisos en materia de PAS

CC.OO. reclama respecto aos compromisos acadados nas negociacións en materia de PAS

Nas últimas reunións do Comité Intercentros, a representación de CC.OO no PAS laboral vén alertando do incumprimento por parte da USC de determinados acordos, así como da falta de respecto aos compromisos acadados nas negociacións en materia de PAS. Estas reclamacións, asumidas por unanimidade no Comité, tamén foron trasladadas á Xerencia, que aduce distintas dificultades na xestión para non dar unha resposta.

Para nós, a atención á xestión da pandemia non pode evitar que se cumpran os acordos asinados. Así, a USC está incumprindo o Acordo sobre a xubilación obrigatoria, asinado o 5 de xullo de 2019. Este Acordo esixe no seu punto 3º que todas as vacantes derivadas do mesmo sexan cubertas de maneira inmediata ao producirse a xubilación. Pese a iso, levamos máis de un ano solicitando que se cubra unha praza derivada da xubilación forzosa no Servimav. O punto 5º deste mesmo acordo establece que a Xerencia remitirá anualmente a previsión de xubilacións, o que tamén se está a incumprir, impedindo facer o seu seguimento sindical.

En CC.OO consideramos que os acordos deben ser cumpridos pero, se non queda outra, acudiremos aos xulgados, como fixemos coa retención das pagas extras, co recoñecemento do servizo militar e da PSS para trienios, e outros asuntos, entre os cales o máis recente: as achegas ao Plan de Pensións.

Por outra parte, tamén se está incumprindo o punto 7 do novo Acordo de xubilación parcial, que estipula que a súa comisión de seguimento se reunirá cada 6 meses; pese ás nosas solicitudes, aínda non o fixo dende a sinatura en xullo de 2019. Os representantes do persoal temos dereito a coñecer as reestruturacións ou amortizacións de prazas derivadas da xubilación parcial. Precisamos esa información para analizar situacións como a que se pode estar dando co posto de Técnico de investigación do Observatorio astronómico, ou outras que se teñen producido con anterioridade.

Pero se estes incumprimentos flagrantes poden parecer puntuais, existen tamén outras actuacións que deben mudar, que precisan dun maior compromiso por parte da USC, e que non se poden tapar tampouco coas dificultades que entrañe a atención á xestión da pandemia.

Así, o pasado mes de xullo, na negociación para a modificación da RPT que afectaba á Área TIC, RIAIDT e área de Infraestruturas, a Xerencia comprometeuse a presentar á volta do verán a reforma da RPT do persoal de apoio á docencia e investigación destinado nos departamentos (fundamentalmente Técnicos de investigación). Esta reforma debía concretar as actuacións do Plan de PAS nese ámbito, en resposta ás demandas que lle faciamos dende CC.OO. Tamén se comprometeu a modificar o plus dos dous postos singularizados de T. E de investigación que non se incluían na modificación da RIAIDT. Nin unha cousa nin outra vimos ata agora, aínda que agardamos que esa proposta de modificación da RPT se nos achegue en breve.

2021 é un ano crucial para a valoración que se poida facer do actual equipo de goberno, que entra no seu último ano de mandato. Neste ano é necesario desenvolver plenamente as acordos sobre a estabilización e a promoción do persoal, coa publicación no DOG das convocatorias dos correspondentes concurso-oposición. Nesa liña, dende CC.OO vimos reclamando o desenvolvemento da promoción interna independente acordada coa OPE de 2020, que afecta a distintas categorías, e á que coa negociación da OPE de 2021 se lle poderán sumar máis prazas ou categorías. Xunto con iso, é necesario impulsar as reformas e revisións pendentes na RPT, así como abordar seriamente outros temas como a implantación do teletraballo ou a mellora na regulación doutras cuestións relacionadas coa xestión de persoal.

Ver a nova en pdf