CCOO discrepa da maioría da Xunta de Persoal e pide acumular as prazas de bibliotecas nunha única convocatoria coa valoración do 40% na antigüidade

Concurso-oposición Auxiliar de Bibliotecas

A sección sindical de CC.OO quere amosar, publicamente, a súa discrepancia co acordo maioritario da Xunta de PAS funcionario de solicitar á xerencia que saian dúas convocatorias separadas de concurso-oposición para cubrir as 20 prazas da Escala Auxiliar de Arquivos, Bibliotecas e Museos, incluídas nas Ofertas de emprego vixentes actualmente e pendentes de convocatoria.

Segundo o acordo maioritario do pasado 21 de xullo, ao que se opuxo a representación de CC.OO, a xunta de persoal resolveu solicitar da xerencia facer unha convocatoria coas 7 prazas de estabilización, na que se valoraría ata o 40% o tempo traballado e outra distinta para as 13 prazas restantes na que a experiencia só se valoraría un máximo do 15 %, do total do concurso-oposición.

A maioría da xunta de persoal repite así a posición de non acumular as vacantes, que xa defenderan inicialmente a respecto da convocatoria da Escala auxiliar de administración. Dende CC.OO queremos solicitar, tamén nesta ocasión, que reconsideren esa posición que prexudica a todo o persoal interino, independentemente da antigüidade que poida acreditar. Esperamos que non haxa que agardar a que sexa a xerencia quen lle solicite esa reconsideración, como aconteceu na Escala auxiliar administrativa.

A ninguén se lle escapa que a acumulación nunha única convocatoria das 20 prazas, xunto coa valoración da experiencia polo máximo previsto legalmente do 40 % para todas elas, e as melloras no temario introducidas a proposta de CC.OO e CIG, poden permitir afrontar con maiores posibilidades de éxito o acceso á condición de funcionario/a de carreira do persoal interino.

En CC.OO somos partidarios de non enredar en dous procesos con distintas valoracións da experiencia, para unha mesma categoría. É hora, en cambio, de que a USC, a xerencia e a propia Xunta de PAS dediquen os seus esforzos a cousas máis útiles para o Pas funcionario. Por exemplo, como á posta en marcha da convocatoria das 50 prazas de promoción interna dende C-1 á Escala técnica de xestión (A-2) acordadas na OPE de 2020 e para a que non se realizou aínda ningunha actuación.

Hai que recordar neste sentido que, ao contrario do que ocorre nas universidades de Vigo e Coruña, hai case 15 anos que o persoal de C-1 da escala administrativa da USC non ten unha auténtica e real oportunidade de promoción interna.

CCOO o teu sindicato, a mellor garantía

Logo CCOO USC

Avenida das Ciencias s/n
Locais Sindicais da USC
Campus Sur
Santiago de Compostela

CCOO da USC, o teu sindicato, a mellor garantía