Información para PAS funcionario
Como xa se anunciou nun comunicado , a xunta de persoal de PAS funcionario acordou por fin aceptar a acumulación nunha única convocatoria de concurso-oposición de todas as prazas vacantes da escala auxiliar C2 incluídas nas ofertas de emprego vixentes. A superación deste último obstáculo supón un importante avance, que deixa clarificada a próxima convocatoria das 108 prazas da escala auxiliar
A ninguén se lle escapa que este incremento no nº de prazas, xunto con outras melloras que nós defendemos dende un principio, permitirá afrontar con maiores posibilidades de éxito o acceso á condición de funcionario/a de carreira, despois de anos como persoal interino.
Entre esas melloras acadadas, queremos destacar a valoración ata o 40% da fase de concurso, a cualificación como apto ou non apto do exame de informática (do que se exime ás persoas que acrediten formación básica suficiente) así como outras importantes melloras introducidas no temario e na estrutura do concurso-oposición que, recordamos, queda de forma resumida como segue:
- Fase de oposición (60 puntos): Constará de catro exercicios:
- Exercicio de galego: Apto ou non apto, con exención para quen teña o Celga 4 ou equivalente.
- Exercicio tipo test (30 puntos): Cuestionario de 90 preguntas.
- Aumentouse ata 120 minutos o tempo para respostar
- As respostas incorrectas non descontarán
- Suposto práctico (30 puntos): Un suposto a elixir entre tres propostos polo tribunal. Aumentouse o tempo a 90 minutos
- Exame de informática: Cualificado como apto ou non apto. Estará exento quen acredite o CODIX ou 40 horas de formación (nos últimos 10 anos) en tratamento de textos e follas de cálculo
- Fase de concurso (40 puntos, máximo autorizado legalmente): Os servizos prestados valoraranse da seguinte forma:
- Na escala auxiliar da USC: 0,25 puntos por mes
- Na escala auxiliar doutras administracións: 0,05 puntos por mes
Por outra parte, recordamos que proximamente deberán poñerse en marcha as accións formativas comprometidas pola xerencia para facilitar a preparación das probas.