A Mesa Xeral de Negociación de PAS da USC celebrou dúas reunións os pasados días 3 de abril e 20 de maio, nas que se negociou e acordou a Oferta Pública de Emprego (OPE) do PAS laboral e funcionario da USC para 2024. Esta OPE inclúe as prazas da oferta xeral de acceso libre e as prazas da oferta de promoción interna independente. Todas elas deberán ser convocadas nun prazo de tres anos a partir da súa publicación no DOG.
OPE de acceso libre:
Na Oferta Xeral de acceso libre incorpórase o máximo número de prazas permitido legalmente: 120 % das vacantes definitivas do ano anterior, por tratarse ao PAS das universidades públicas como sector prioritario segundo o acordo Goberno-sindicatos asinado por CCOO en 2021. Acordouse así a inclusión neste anexo de 36 prazas de novo ingreso: 11 de PAS funcionario e 25 prazas de PAS laboral. O ano pasado foran 41 (36 de funcionarios e 5 de laborais).
O cadro acordado na Oferta libre é o seguinte:
Novas prazas de promoción interna:
A OPE 2024 aprobada na Mesa de PAS inclúe tamén, como se vén facendo dende 2020, unha Oferta de Promoción Interna Independente cun total de 54 prazas de promoción (24 de funcionarios e 30 de laborais) que permitirán o ascenso e a mellora profesional a distintos grupos e categorías.
O cadro final da distribución en grupos e categorías da promoción interna aprobada para 2024 é o seguinte:
A OPE 2024, tanto de acceso libre como de promoción interna, foi aprobada co voto favorable de CCOO e UGT e a posición contraria de CIG, CSIF e PUSC. Pola súa parte, TGU e USO non asistiron á xuntanza nin escusaron asistencia. O procedemento da OPE pasará agora á súa aprobación polo Consello de Goberno e o Consello Social da USC.
A proposta aprobada na Mesa constitúe ao igual que en anos anteriores un verdadeiro Plan de Promoción, que continúa as ofertas que dende 2020 suman un total de 276 prazas. Estas promocións afectan xa a un número importante de grupos e categorías de PAS laboral e funcionario; cuxos procesos en boa parte están xa rematados e coas tomas de posesión realizadas, mentres que outros están en marcha ou pendentes só da convocatoria.
Estas promocións, que vimos desenvolvendo dende 2020, están cambiando a estrutura do cadro de persoal laboral e funcionario. Estamos abrindo, a través da negociación, posibilidades de promoción reais, onde antes non había perspectiva ningunha de mellora profesional ou retributiva. Hai que lembrar tamén que a xerencia ofertaba unicamente, nun principio, un total de 19 prazas en promoción fronte ás 54 finalmente aprobadas.
A promoción interna, como se recordará, é un dos principais eixos do noso programa das pasadas eleccións sindicais: Continuar desenvolvendo e ampliando a Promoción Interna independente tanto para PAS laboral como funcionario.
O acordo da Mesa sobre a promoción reflicte en gran medida as propostas que presentaramos dende CCOO no curso da negociación. Aínda así na xuntanza botamos en falta que non se aceptara a nosa proposta de abrir a vía da promoción noutras categorías e para o acceso dende o grupo II ao grupo I, das persoas para as que xa se exixe unha titulación de Grao.
O noso obxectivo é consolidar estas ofertas de promoción independente, dando pé a unha estrutura de carreira vertical real no ámbito do PAS; onde poderá existir un grupo ou subgrupo de acceso e un ascenso a través de procesos de promoción que afecte a todos os grupos profesionais. Unha carreira vertical que deberá complementar as melloras derivadas da carreira horizontal que segundo se comprometeu a xerencia, tamén nesta reunión da Mesa, comezará tamén a negociarse antes do 15 de xuño.
Para máis información sobre este tema, así como para achegar consultas ou suxestións sobre este e outros temas, podes pasarte polo noso local sindical na “Casa dos Catedráticos” (Campus Vida) en horario de 08:00 a 15:00; ou en Lugo os luns e martes no despacho multiusos da planta inferior do Edificio intercentros.
Podes contactar igualmente coa Sección sindical de CCOO na USC a través do seguinte formulario de contacto. Tamén podes facelo mediante o email e os teléfonos que se indican a continuación:
http://www.usc.es/sindicatos/ccoo
https://www.facebook.com/CCOOdaUSC
Extensión (8818) 14343/ 14005/
Sección sindical de CC.OO. O poder de cambiar as cousas