Acadado un novo acordo na Mesa Xeral de PAS sobre a Carreira Horizontal na USC

Como xa temos dito, a carreira horizontal xunto co desenvolvemento e posta en marcha das promocións e a redución da temporalidade, favorecendo o acceso a funcionario/a de carreira ou persoal laboral fixo, foi nestes anos un dos principais obxectivos da sección sindical de CC.OO na USC. En todos estes temas téñense producido avances moi importantes froito da negociación e o traballo sindical.

O pasado venres, 13 de decembro, acadamos un novo acordo para o recoñecemento e implantación de todos graos da carreira horizontal; máis aló do grao I que vimos percibindo nas nosas nóminas dende xaneiro de 2024 e que supón entre 1.063 e 2.775 € anuais, para cada membro do cadro de persoal con máis de cinco anos de antigüidade.

Se o recoñecemento dese grao I foi un fito moi importante na mellora das retribucións, o acordo sobre o recoñecemento dos restantes graos, e sobre o avance nas retribucións por carreira horizontal, que terá efectos de 1 de xaneiro de 2025, vén a ser un paso definitivo do que en CC.OO nos sentimos moi orgullosos de ter impulsado e levado a bon fin.

Os aspectos máis salientables deste novo acordo son os seguintes:

  • En termos globais o pagamento do agora acordado suporá un custe para a USC duns 600.000 €, nun primeiro tramo; que vén a ser o 10%  do importe total da carreira e que se suma ao 30% que representaba o grao I que xa se estaba retribuíndo. A partir de setembro negociarase un segundo tramo para 2025 e para a anualidade de 2026.
  • As condicións acordadas permitirán que todas as persoas poderán acceder aos graos da carreira segundo a súa antigüidade na USC. Así, cando teñan máis de 24 anos de antigüidade na USC poderán acceder directamente ao grao IV da carreira horizontal. Con máis de 17 anos de antigüidade poderase acceder ao grao III, con 11 ao grao II e con cinco anos ao grao I.
  • Como xa se acordara en xullo, os importes económicos correspondentes a cada grao serán os mesmos que na administración autonómica ou os que xa se están pagando na USC para o grao I.
  • En xaneiro publicarase a convocatoria para o recoñecemento de cada persoa na totalidade dos graos que lle correspondan. Este novo proceso de recoñecemento substituirá ao grao I xa recoñecido anteriormente.
  • Coa aplicación deste primeiro tramo, todas as persoas percibiran como mínimo o 40% da súa carreira, con efectos económicos dende 1 de xaneiro de 2025. As persoas que teñan só o grao I continuarán percibindo o 100% da súa carreira. As que acaden só o grao II, manteranse de momento no 50% da carreira, cobrando o que xa tiñan recoñecido.
  • No mes de setembro abrirase a negociación do segundo tramo,tamén para 2025, para dar cumprimento aos obxectivos recentemente acordados nas liñas do orzamento de 2025 relativos á carreira horizontal. Con ese mesmo fin, tamén en setembro, abordarase a negociación do avance na retribución para a anualidade 2026.

Como complemento a esta información, no seguinte cadro pódense observar as retribucións actuais polo complemento de carreira de grao I xa recoñecido e as retribucións que rexeran en 2025 con efectos de 1 de xaneiro para as persoas con máis de 24 anos de antigüidade na USC ás que se lle recoñezan os catro graos no mesmo grupo profesional:

Pola súa parte, para as persoas con máis de 17 anos de antigüidade na USC ás que se lle recoñezan os tres graos no mesmo grupo, o cadro será o seguinte:

Aparte destes 2 exemplos máis claros, hai tamén casos de persoas ás que cambiaron de grupo e se lle recoñeceran graos en distintos grupos. A todas elas recoñeceráselles tamén, xa neste primeiro tramo de 2025, como mínimo o 40 % do total do que lles corresponda pola totalidade da súa carreira horizontal na USC.

Logo CCOO USC

Avenida das Ciencias s/n
Locais Sindicais da USC
Campus Sur
Santiago de Compostela

CCOO da USC, o teu sindicato, a mellor garantía