Acadado o acordo para o pago dos trienios ao personal da USC con contratos predoutorais, postdoutorais e de capítulo VI

Con efectos económicos a partir deste 1 de setembro de 2021

A Mesa xeral de negociación de PAS e PDI acordou esta mañá que o persoal da USC con contratos Predoutorais e Posdoutorais, así como o Persoal de Proxectos (Capítulo VI) comezará a percibir o pago de retribucións por antigüidade (trienios) con efectos económicos deste 1 de setembro próximo. Como contrapartida ao acordo, CC.OO comprometeuse a retirar a demanda que tiñamos presentada e que estaba pendente de celebración de xuízo na Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Os termos do acordo establecen un réxime transitorio que posibilitará que, dende o mes de setembro próximo, todas as persoas traballadoras que sumen máis de 3 anos de contrato, en calquera universidade ou administración pública, poderán solicitar o abono de 1 trienio. A partir de xaneiro de 2022, as persoas que reúnan 6 anos ou máis percibirán o importe de 2 trienios. En 2023 aboaranse tres trienios, en 2024 catro, e a partir de 2025 todos os que correspondan á súa antigüidade.

Este acordo vén a recoñecer a iniciativa, a independencia, o traballo e a persistencia de CC.OO na defensa dos colectivos de persoal máis precarizados da universidade, poñendo así fin satisfactoriamente a un longo proceso de reclamacións e negociacións impulsado polo sindicato.

CCOO o teu sindicato, a mellor garantía