📅 O Canal de Whatsapp da sección sindical de CC.OO -USC informou días atrás da confirmación por parte da Xerencia da USC de que este mesmo mes de novembro se ingresarán por fin as achegas ao Plan de Pensións do PTXAS laboral correspondentes ao ano 2023, que acadarán un importe desta vez de 426,60 € por persoa partícipe. A través deste email, e para as persoas que aínda non se subscribiron ao canal, queremos engadir nova información e aportar algúns datos complementarios, que consideramos de interese á vista das consultas recibidas.
⚖️ Este novo ingreso no plan de pensións é consecuencia directa da última sentenza gañada por CCOO tras o xuízo celebrado no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o pasado 5 de febreiro, na que se recoñece unha vez máis a obriga da USC de efectuar as achegas ao Plan de Pensións que corresponden ao persoal laboral.
📌 Esta resolución do TSXG súmase a outras sentenzas anteriores, promovidas tamén por CCOO -USC, que obrigaron á USC a ingresar as achegas correspondentes ao período 2018-2022, cun importe total de 1.430,74 € para cada persoa partícipe. Agora, a esa contía haberá que engadir os 426,60 € correspondentes a 2023, que se ingresarán nas próximas semanas.
🔹 Ademais, cómpre lembrar que en decembro de 2025 xa se efectuou tamén outra achega ao Plan de Pensións por importe de 400,76 € correspondentes a 2025, resultado das negociacións e acordos da Mesa xeral de negociación da USC, que evitaron que para 2025 fose necesario recorrer á vía xudicial.
💶 En conxunto, as actuacións impulsadas por CCOO permitiron, ata agora, recuperar para cada persoa partícipe do Plan de Pensións:
- ➡️ 1.430,74 € correspondentes aos anos 2018-2022.
- ➡️ 426,60 € correspondentes a 2023.
- ➡️ 400,76 € correspondentes a 2025.
Isto supón un total de 2.258,10 € por persoa incorporados ao seu fondo de pensións que se poderán facer efectivos no momento da xubilación da persoa traballadora.
📈 O custo global para a USC desta nova achega correspondente a 2023 supera os 135.000 € e beneficiará a máis de 300 persoas do PTXAS laboral.
PTXAS funcionario: CCOO esixe a mesma solución
🔴 Desde CCOO xa solicitamos formalmente á Xerencia que proceda tamén ao ingreso das achegas correspondentes ao ano 2023 para o persoal do PTXAS funcionario, evitando así a necesidade dun novo procedemento xudicial.
🔹 Non existe ningunha razón para prolongar esta situación. O TSXG xa recoñeceu, en ocasións anteriores, que os efectos das sentenzas obtidas para o persoal laboral, respecto das achegas ao Plan de Pensións, deben aplicarse tamén ao PTXAS funcionario da USC.
🔹 Por este motivo, demandamos da Universidade unha solución inmediata que evite demoras innecesarias e novos litixios.
O compromiso de CCOO dá resultados
✅ A defensa do dereito a recibir as achegas do Plan de Pensións da USC é un exemplo máis dun traballo sindical continuado que combina negociación, iniciativa xurídica e seguimento permanente dos compromisos adquiridos pola Universidade.
Os feitos son claros: cando a USC incumpriu, CCOO levou o asunto aos tribunais e gañou; cando foi posible resolver a situación mediante negociación, tamén conseguimos resultados sen necesidade de acudir á vía xudicial.
💪 Seguiremos traballando para garantir o cumprimento dos dereitos do persoal e para que ningunha cantidade ou dereito que corresponda ás traballadoras e traballadores da USC quede sen percibir ou garantir.
Porque á hora da verdade, Comisións Obreiras!
🔔 Únete ao noso canal de WhatsApp! Recibe novidades de forma anticipada sobre o persoal da USC e contido exclusivo directamente no teu móbil. Agora tamén en Telegram!.
Sección sindical de CC.OO, o poder de cambiar as cousas.
