Pola dignidade das persoas traballadoras: salarios, vivenda e defensa da universidade pública
Estimadas compañeiras e estimados compañeiros,
Desde CCOO queremos trasladarvos os motivos polos que apoiamos e convocamos á participación na Folga Xeral e nas manifestacións do próximo 11 de novembro. A convocatoria responde á necesidade de dar unha resposta colectiva, tamén por parte do persoal da USC, á perda de poder adquisitivo dos salarios, á crise da vivenda e ao deterioro dos servizos públicos, problemas que afectan directamente tamén á comunidade universitaria da USC.
A nosa universidade pública non é allea á realidade social. As dificultades para acceder a unha vivenda digna, a precariedade laboral, a insuficiencia salarial e a falta de financiamento público condicionan o presente e o futuro do estudantado, do persoal investigador, do PDI e do PTXAS laboral ou funcionario.
Reivindicamos:
- A recuperación do poder adquisitivo dos salarios.
- O acceso a unha vivenda accesible e medidas contra a especulación.
- Máis financiamento para os servizos públicos e para a universidade pública.
- Emprego estable e a redución da precariedade laboral.
- A protección das pensións e dos dereitos sociais.
Na universidade seguimos afrontando problemas coñecidos: perda de poder adquisitivo, temporalidade, dificultades para desenvolver a carreira profesional, sobrecarga de traballo e obstáculos para atraer e reter e consolidar o talento profesional, investigador e docente. A defensa das nosas condicións laborais forma parte tamén da defensa dunha universidade pública de calidade, accesible e ao servizo da sociedade.
Por todo isto, animámosvos a participar na Folga Xeral e nas mobilizacións e manifestacións do 11 de novembro. Os avances en salarios, dereitos laborais e servizos públicos só son posibles coa implicación e a mobilización colectiva. Máis info sobre a Folga xeral na universidade pública no seguinte enlace: https://ccooensino.gal/folga-xeral-do-11-de-novembro/
Nove manifestacións en Galicia
As mobilizacións desenvolveranse ao longo da mañá do 11 de novembro en nove localidades galegas. A seguir indícanse os lugares e horarios en que partirán as marchas:
- A Coruña: ás 12.00 horas, na praza da Palloza.
- Ferrol: ás 11.30 horas, na praza de España.
- Santiago de Compostela: ás 13.00 horas, na Alameda.
- Viveiro: ás 12.00 horas, diante do edificio sindical (rúa García Dóriga).
- Lugo: ás 11.30 horas, diante do edificio sindical (rolda da Muralla).
- Ourense: ás 10.00 horas, diante do edificio sindical (parque de San Lázaro).
- Vilagarcía de Arousa: ás 12.30 horas, na praza de Ravella.
- Pontevedra: ás 12.00 horas, diante da Consellería de Vivenda (rúa Alcalde Hevia).
- Vigo: ás 11.30 horas, na Vía Norte. Esta será a manifestación principal en Galicia.
