PUBLICADA NA SEDE ELECTRÓNICA A CONVOCATORIA DE 2026 DA CARREIRA HORIZONTAL 

O taboleiro electrónico da USC vén de publicar o pasado venres 12 a Resolución reitoral pola que se convoca o Proceso de encadramento e acceso aos graos da carreira profesional horizontal do persoal PTXAS, anualidade 2026

Trátase da 2ª convocatoria do acordo asinado por CC.OO en decembro de 2024 e que veu a significar un avance decisivo na mellora das condicións laborais que xa está tendo unha importante repercusión económica nos salarios consolidados da plantilla do PTXAS da USC.

Se o recoñecemento do grao I en 2022 foi un fito moi importante na mellora das nosas retribucións, ao percibir os importes correspondentes ao grao I da carreira (entre 1.111,56 e 2.900,76 € anuais), o acordo de decembro de 2024 consolidou o sistema da carreira horizontal na USC ao recoñecerse os restantes graos, polo que xa estamos percibindo en moitos casos o doble desas cantidades nas nosas nóminas.

Coa publicación desta convocatoria anual correspondente a 2026, consolídase o proceso e ábrese un prazo, entre o 15 e o 29 de xuño; ao que se poderán acoller tanto as persoas que non puideron acceder o ano pasado, por non reunir os requisitos, como as persoas que teñan agora novos méritos que lles permitan avanzar nos graos da carreira e mellorar así as súas retribucións.

Os membros da sección sindical de CC.OO sentímonos pois contentos e satisfeitos do resultado do traballoe e da perseveranza empregada na negociación da carreira horizontal polos nosos delegados e delegadas; o que nos permitiu demostrar a utilidade do traballo sindical e das nosas propostas en defensa dos intereses do conxunto do PTXAS funcionario e laboral da USC. 

Só como resultado dese traballo de CC.OO da USC é posible explicar que sexamos a primeira, e polo momento única, universidade galega (moi poucas a nivel estatal) na que se implantan as retribucións por carreira horizontal para o PTXAS

Recordamos os aspectos esenciais a ter en conta de cara a esta nova convocatoria de 2026:

  • Todas as persoas que que a 31 de decembro de 2025 cumpran os requisitos de antigüidade e formación establecidos no acordo poderán acceder ao grao da carreira que lle corresponda, segundo a súa antigüidadena USC. Deste xeito, quen teña máis de 24 anos de antigüidade na USC no mesmo grupo poderá acceder ao grao IV, con máis de 17 ao grao III, con 11 ao grao II e con cinco anos ao grao I.
  • Non será preciso achegar a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos (que figuran no anexo I do acordo) no suposto de que xa se atope en poder da USC ou fose elaborada por esta.
  • A solicitude de recoñecemento deberá iniciarse a través do seguinte modelo normalizado: https://forms.cloud.microsoft/e/52K1vZmww3

Efectuado o encadramento, con efectos de 1 de xaneiro de 2026, todas as persoas pasarán a percibir o 50% das cantidades que lle correspondan pola súa carreira, ao igual que o resto do persoal.

Tendo en conta o establecido no acordo, e os compromisos da nova Reitora na súa campaña electoral, agardamos que durante este ano 2026 se poida avanzar máis aló dese 50% e achegarnos o antes posible ao 100% das retribucións. Ao igual que con respecto ao persoal de Capítulo VI, que aínda está no 10%.

É importante sinalar tamén que se alguén cambiou de grupo por promoción, e a 31 de decembro pasado se cumpriran 5 anos dende a data na que teña recoñecido o último grado da carreira, poderá agora solicitar o grao I do grupo superior ao que promocionara.

Neste sentido hai que recordar que cando alguén cambia de grupo profesional:

  • O cómputo da súa carreira reiníciase no grao I do novo grupo, mantendo os graos recoñecidos no grupo anterior.
  • O tempo prestado no anterior grupo, que non chegue para completar un grao, computarase como prestado no grao I do novo grupo.
  • Hai que ter en conta tamén que cando unha persoa teña recoñecidos máis de catro graos, percibirá os complementos que lle correspondan polos catro de maior contía.