Na reunión da Mesa de Negociación celebrada onte acadouse un acordo sobre a Oferta Pública de Emprego (OPE) para o exercicio 2026. A continuación, trasladamos as principais cuestións acordadas:
Oferta xeral acceso libre:
A oferta aprobada inclúe un total de 43 prazas correspondentes a distintos grupos, escalas e categorías de persoal funcionario e laboral.
Así mesmo, prevese que no último trimestre do ano se poida aprobar unha OPE complementaria, tal e como foi reiteradamente solicitado por CCOO, co obxectivo de incorporar ata 17 prazas adicionais e acadar así o límite máximo permitido do 120 % da taxa de reposición. O noso obxectivo é manter os efectivos do cadro de persoal e evitar que se empece a crear unha nova bolsa de persoal temporal.
Cómpre salientar tamén que foi aceptada pola xerencia a proposta de CCOO de que nas convocatorias de concurso-oposición se poida acordar a reserva dunha parte das prazas desta oferta xeral para promoción interna ordinaria.
Promoción interna independente:
A OPE inclúe finalmente 69 prazas de promoción interna independente, que se engaden ás 323 prazas xa ofertadas nas OPEs aprobadas desde o ano 2020, momento no que CC.OO conseguimos iniciar esta liña de actuación.
Desde CCOO emitimos un voto favorable ao acordo, valorando positivamente o incremento ata un total de 69 novas prazas de promoción independente, fronte ás 40 inicialmente propostas pola xerencia.
Entre as melloras máis relevantes na promoción, que afectan a distintos grupos escalas e categorías de persoal funcionario e laboral, destacan:
- Incremento da promoción para o grupo C2, que pasa de 10 a 25 prazas,co cal na próxima convocatoria poderanse ofertar un total 60 prazas de C1 en promoción, ao acumularse as 35 prazas pendentes das OPEs de 2024 e 2025 xa publicadas.
- Incorporación de 10 prazas de promoción de Técnicos TIC, non contempladas inicialmente na proposta de xerencia, para o acceso a Tecnico Xestor TIC.
Valoración sindical:
A CC.OO nos houbera gustado que a proposta de xerencia se achegara máis ás nosas demandas e houbera maiores compromisos; pero estamos moi contentos do acordo acadado. Sempre fomos conscientes de que non se pode acadar todo á vez.
Tras varios anos nos que CCOO defendeu practicamente en solitario o desenvolvemento da promoción interna, nesta ocasión acadouse un consenso sindical sobre a necesidade de consolidar a promoción interna independente, así como a aceptación do carácter gradual das convocatorias.
Para avanzar, é necesario actuar con responsabilidade e, ao mesmo tempo, con ambición e con propostas ben articuladas que permitan mellorar de verdade e no concreto as condicións de traballo, profesionais e retributivas do colectivo do PTXAS da USC, xa sexa laboral ou funcionario.
Evolución das ofertas de emprego (acceso libre):
Na xuntanza tamén tivemos ocasión de aclarar o balance real de prazas de acceso libre ofertadas para funcionarios e laborais, recóllese a continuación a distribución das OPEs dos últimos anos:
| OPE Oferta xeral (DOG) | Funcionarios | Laborais |
| 2025 | 40 | 12 |
| 2024 | 11 | 25 |
| 2023 | 36 | 5 |
| 2022 | 0 | 3 |
| 2021 | 16 | 14 |
| 2020 | 19 | 11 |
| 2019 | 11 | 4 |
Seguintes pasos:
O acordo sobre a OPE 2026 pasará agora ao Consello de Goberno, unha vez que sexa ratificada polos órganos de representación do persoal (Comité de Intercentros e Xunta de Persoal Funcionario).
Compromiso de CCOO:
Desde CCOO continuaremos traballando para:
- Garantir o cumprimento íntegro da taxa de reposición, sen aceptar ningunha minoración nos postos de traballo.
- Seguir avanzando na mellora da promoción interna independente nos vindeiros anos.
- Seguir desenvolvendo tamén a carreira horizontal e outros dereitos de afectación xeral a todo o persoal da USC.
Podes consultar a proposta acordada no seguinte enlace: Acordo Mesa xeral PTXAS OPE 2026
