1ª REUNIÓN MESA XERAL PTXAS COA XERENCIA: TRATOUSE DA PROPOSTA DE OPE 2026

O pasado xoves 21 de maio celebrouse a 1ª reubión da Mesa xeral de PTXAS coa participación da nova xerencia. CCOO trasladou a súa proposta sobre a Oferta de Emprego Público (OPE) do PTXAS da USC para 2026. 

As alegacións presentadas por CC.OO céntranse no seguinte:

  • Oferta xeral (Anexo I): A proposta da xerencia queda no 84 % das vacantes, o que CCOO considera insuficiente.
  • O noso obxectivo: Reducir a temporalidade e garantir estabilidade no emprego.
  • Promoción interna independente (Anexo III): CCOO propón ampliar a oferta da xerencia con máis prazas.
  • O noso obxectivo: reforzar a promoción e as posibilidades de ascenso profesional

O debate sobre a OPE de 2026 continuará na reunión da Mesa da próxima semana. Achégase a continuación a proposta que presentamos en nome de CC.OO na Mesa xeral de PTXAS sobre a oferta Publica de emprego de PTXAS para 2026: 

PROPOSTA DE CC.OO SOBRE A OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO DE PTXAS DA USC PARA O ANO 2026

En nome da sección sindical de CC.OO trasládanse, para o seu debate e consideración na reunión da Mesa xeral de PAS do 21 de maio, as alegacións á proposta de Oferta xeral  (anexo I) e á proposta de prazas de promoción interna separada, a incluír na Oferta de Emprego Público do Persoal Técnico de Xestión, e de Administración e Servizos (PTXAS) da USC para o ano 2026.

Alegacións ao Anexo I. Oferta xeral:

Con respecto á proposta presentada pola xerencia, en relación ás prazas de acceso libre, a primeira consideración é que a oferta quédase no 84 % das vacantes producidas do ano anterior. En opinión de CC.OO é necesario que proposta de oferta xeral da OPE dea cabida ao seguinte: 

  1. En CC.OO entendemos que hai que incluír na OPE o máximo legal permitido de prazas para evitar empezar a crear unha nova bolsa de persoal temporal. Incluír as prazas na OPE é o primeiro paso para que as convocatorias de concurso-oposición sexan áxiles e cumpran coa legalidade; e en consecuencia para que o persoal da USC teña acceso o antes posible á condición de funcionario de carreira ou de persoal laboral fixo.
  2. Neste sentido unha vez resolto o concurso de PTXAS funcionario, seguramente se poden engadir, dentro da taxa de reposición, as vacantes da Escala Auxiliar, ben agora ou ben nunha oferta extraordinaria a aprobar antes de fin de ano.
  3. En opinión de CC.OO as prazas de persoal funcionario do subgrupo A1 incluídas dentro da oferta xeral (Anexo I) da Escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos (especialidade bibliotecas) e da Escala de xestión do subgrupo A2 deben ser reservadas, na convocatoria de concurso-oposición, para ser cubertas pola quenda de promoción interna ordinaria, acumulándose á quenda libre as que non se cubran.
  4. O mesmo procedemento debe seguirse coas prazas de persoal laboral tamén da oferta xeral (Anexo I) das categorías de Técnico/a superior de investigación, Técnico/a superior de actividades culturais, Técnico superior de tecnoloxías da información e das comunicacións, Mestre, e Técnico/a especialista de investigación (especialidade física).

Tanto no caso de persoal funcionario como no de persoal laboral, estas prazas formarían parte da oferta xeral e irían dentro do Anexo I, a diferencia da oferta de prazas de promoción interna independente do anexo III, e si consumirían taxa de reposición. O acceso a estas prazas implicaría o cambio de posto das persoas que as obtiveran por promoción interna.

Alegacións ao Anexo III. Oferta de promoción interna independente:

Con respecto á proposta de promoción interna independente, a intención de CC.OO é continuar desenvolvendo esta, tanto no ámbito laboral como funcionario; e continuar ofrecendo, como xa fixemos en anos anteriores, novas posibilidades reais de promoción e ascenso na carreira profesional, o que sen dúbida redunda na mellora non só da formación e da cualificación senón tamén na propia prestación dos servizos.

Con esa intención, e na procura dun acordo, propoñemos ampliar nalgúns aspectos a proposta de Promoción Interna Independente recibida da xerencia:

Proposta de CC.OO Anexo III. Promoción interna independente para PTXAS OPE 2026
De Subgrupo A2 (Esc. de Xestión) Para A1 (ETS Administración) 2
De C1 (Bibliotecas) Para A2 (Esc. Axud. Esp. Bibliotecas) 4
De C1 (Esc. Administrativa) Para A2 (Esc. de Xestión) 6
De C2 (Esc. Auxiliar) Para C1 (Esc. Administrativa) 30
De: Grupo II (e-learning) Para: Grupo I (e-learning) 1
De III-1 (T.E TIC) Para T. Xestor TIC 12
De Tec. Esp. Escola Infantil Para Mestre (grupo II) 1
De Tec. Esp. CEBEGA Tec. Grao medio Invest (grupo II) 3
De: III-2 Para:  III-1 (T. E. Investigación) 10
De: III-3 Para:  III-2 (Técnico Información) 4
De: Grupo IV (Auxiliar Técnico de Servizos) Para: Técnico Servizos Xerais (III-3) 10
De: Grupo IV (Cociña, Imprenta, Esp. oficios) Para subgrupo III-3 4

Poses consultar tamén no enlace a ​proposta presentada pola xerencia​.