
A comunidade universitaria da Universidade de Santiago de Compostela vén de elixir a Rosa Crujeiras como nova reitora da institución, nun proceso electoral que marca un fito histórico: será a primeira muller en ocupar a reitoría da USC en máis de cinco séculos de historia.
Desde CCOO Ensino queremos trasladarlle os nosos parabéns pola súa elección e desexarlle o maior dos acertos nunha responsabilidade institucional de grande relevancia para o futuro da universidade pública galega.

Un fito para a universidade e para a igualdade
A elección de Rosa Crujeiras supón un avance significativo nunha institución fundada no século XV, onde ata agora ningún mandato reitoral estivera encabezado por unha muller.
Este novo tempo na reitoría abre tamén unha oportunidade para seguir avanzando na igualdade efectiva no ámbito universitario, rompendo definitivamente inercias que historicamente dificultaron o acceso das mulleres aos postos de maior responsabilidade académica.
Unha etapa de retos para a universidade pública
A nova reitoría comeza nun contexto no que a universidade pública afronta importantes desafíos estruturais, entre eles:
- o relevo xeracional do persoal docente e investigador
- a necesidade de consolidar un financiamento suficiente para garantir a calidade docente e investigadora
- a mellora das condicións laborais do persoal
- o reforzo do papel social da universidade no conxunto do país.
Consideramos que estes retos esixen diálogo, planificación e colaboración entre todos os axentes da comunidade universitaria.
Desde CCOO Ensino reiteramos a nosa vontade de manter unha relación de diálogo construtivo coa nova reitora e co seu equipo, co obxectivo de contribuír a fortalecer a universidade pública galega e a mellorar as condicións de traballo do conxunto do persoal.
A USC é unha institución clave para Galicia, tanto na formación de novas xeracións como na produción de coñecemento e no desenvolvemento social e económico do país.
