O desenvolvemento da carreira horizontal, tamén para o persoal investigador e de apoio á investigación, xunto coa estabilización como persoal fixo dos contratos máis antigos e o desenvolvemento da contratación indefinida foron, dende as últimas eleccións sindicais, algúns do principais obxectivos da sección sindical de CC.OO na USC. Hoxe podemos anunciar que o próximo mércores 17 se procederá á firma oficial do acordo da Mesa Xeral de Negociación da USC que permitirá o recoñecemento da carreira profesional horizontal e a implantación progresiva dos complementos salariais correspondentes a cada grupo profesional deste colectivo de arredor de 700 persoas, ata non hai moito ignorado e menosprezado.
Para chegar a este acordo, negociado por CC.OO e a xerencia da USC e que entrará en vigor unha vez que se publique no Diario Oficial de Galicia (DOG), houbo que recorrer un longo proceso: no que os delegados e delegadas de CC.OO que forman parte do persoal investigador realizaron un gran esforzo, case sempre en solitario, na achega e discusión coa xerencia da USC de propostas e alternativas que o fixeran viable. Pola nosa parte cremos que a participación, o traballo e as propostas son elementos imprescindibles que as distintas opcións sindicais estamos obrigados a poñer sobre a mesa en calquera negociación.
Resumimos a continuación as cuestións máis relevantes a ter en conta:
-
O acordo dará lugar ao recoñecemento de ata 4 graos progresivos na traxectoria profesional de cada unha das persoas que forman parte do cadro de persoal contratado con cargo a programas e proxectos de Investigación (o que xeralmente se coñece como persoal de capítulo VI). O sistema de recoñecemento da carreira é moi similar ao acordado para o persoal de administración autonómica e tamén ao acordado en decembro pasado para o PAS de capítulo I da USC.
-
Así, para acceder ao grado I farán falta 6 anos de antigüidade na USC, para o acceso ao grao II: 12 anos, para o III: 18 e para o IV: 24 anos.
-
Tamén, ademais dos anos de experiencia, hai que reunir unha puntuación mínima de méritos avaliables para cada grao. Esta puntuación mínima poderá acadarse, tal e como se recolle no acordo, a través do cómputo dunha ampla variedade de méritos ao longo da traxectoria profesional de cada persoa: participación en proxectos, formación, publicacións, titulación, xestión e coordinación, actividades de colaboración, …
-
A tramitación do recoñecemento dos graos iniciarase unha vez que nas próximas semanas a USC publique a convocatoria na que as persoas solicitantes poderán alegar os seus méritos para o encadramento.
-
O acordo tamén establece as mesmas contías para cada grupo profesional que as aplicadas na administración da Xunta e para o PTXAS da USC. Os importes retributivos de referencia, para cada un dos graos e segundo o grupo profesional, indícanse a continuación:
-
As persoas con 24 anos ou mais de antigüidade ás que se lle recoñezan os 4 graos multiplicarán por catro esa cantidade de referencia. Se teñen 18 multiplicarán por 3; e se teñen 12 anos por dous.
-
Destas cantidades de referencia, para este ano 2025, con efectos económicos xa dende 1 de xaneiro, establécese o pago do 10% da cantidade total que lle corresponda a cada persoa.
-
Para as sucesivas anualidades, será no marco da Comisión de Seguimento do acordo onde se estableza a porcentaxe de pagamento, ata acadar o 100%. O acordo ten polo tanto unha importante repercusión económica nos salarios de cara aos próximos anos.
