CCOO ACADA UN ACORDO NA MESA PAS-PDI PARA MANTER A GRATUIDADE NAS MATRÍCULAS E RECUPERAR Á VEZ O PLAN DE PENSIÓNS PARA PDI E PAS

A Mesa Xeral de Negociación de PAS-PDI da USC celebrou, dende o pasado 23 de abril, varias reunións nas que se abordou a negociación sobre as axudas de matrícula e as demais medidas de acción social cara ao persoal da USC. A xerencia aceptaba facer as achegas do Plan de Pensións, correspondentes a 2025, aínda que a cambio de introducir importantes recortes na gratuidade das matrículas para o persoal da USC e os seus beneficiarios. Se non se aceptaban eses recortes, a alternativa que propuña era continuar sen facer as achegas ao Plan de pensións como vén facendo dende 2012 (salvo no caso do PAS ao verse obrigados polos xulgados, por estar recollido ese dereito no convenio do PAS laboral).

Esta postura da xerencia era aceptada nas reunións anteriores por unha parte importante da representación sindical. 

Así UGT e CSIF expresaron a súa posición favorable á eliminación das axudas por matricula, mentres que CIG-PDI mantiña dende hai máis dun ano a súa posición contraria ás achegas ao Plan de pensións. CIG-PAS pola súa parte, opoñíase a calquera cambio nas matrículas; co cal tamén deixaba fóra as achegas ao plan de pensións do PDI, e as achegas do PAS quedaban a expensas das resolucións xudiciais que eventualmente se poidan ditar en aplicación do convenio colectivo.  

Unha vez máis CC.OO foi a única organización sindical que presentou unha proposta que permitía atender ambas cuestións: Gratuidade nas matrículas e Plan de pensións para PDI e para PAS. A nosa proposta, que a xerencia se comprometeu a estudar na reunión da semana pasada, permite derivar unha parte dos custes para a USC das axudas de matrícula ao programa de gratuidade da Xunta, co que resultan redundantes. Dando así unha maior marxe para atender as achegas do plan de pensións, sen desbordar os límites legais impostos pola Xunta ao conxunto da acción social da USC (570.000 €).

Finalmente, na xuntanza da Mesa de negociación deste luns, a xerencia aceptou as propostas formuladas por CC.OO. 

Sobre esa base, co voto a favor de CC.OO, UGT e CSIF, a abstención de CIG-PDI e o voto en contra de CIG-PAS, acordouse o seguinte:

  • Manter a gratuidade na matrícula en condicións que resultan semellantes ás de anos anteriores.
  • A USC realizará as achegas aos Plans de Pensións do PDI e do PAS correspondentes a 2025.
  • Manter o seguro de vida e invalidez para o PAS nos seus termos actuais.

Amósase así, unha vez máis, a capacidade da acción sindical que vimos desenvolvendo dende CC.OO para mellorar e defender as condicións de traballo dos distintos colectivos do persoal da USC.