Despois de varios meses de espera, vén de publicarse no DOG de hoxe a Oferta Pública de Emprego (OPE) do PAS laboral e funcionario da USC de 2025 que fora aprobada na xuntanza da Mesa Xeral de Negociación de PAS da USC do pasado 26 de febreiro. A OPE deste ano, ao igual que se vén facendo dende 2020, inclúe as prazas da oferta xeral de acceso libre e tamén unha oferta de prazas de promoción interna independente que está a permitir a posta en marcha dos procesos de promoción tanto de laborais como de funcionarios.
Todas as prazas, tanto de acceso libre como por promoción, deberán ser convocadas nun prazo de tres anos a partir desta publicación no DOG.
OPE de Acceso libre:
Na Oferta Xeral de acceso libre incorpóranse un total de 47 prazas de novo ingreso, o que vén a significar o 90% das vacantes definitivas do ano anterior; sen chegar polo tanto ás 62 prazas que reclamabamos dende CC.OO para poder acadar o máximo legal permitido do 120% en 2025, ao incluírse ao PAS das universidades públicas como sector prioritario segundo o acordo Goberno-sindicatos asinado por CC.OO en 2021.
Das 47 prazas de novo ingreso 36 corresponden a PAS funcionario e 11 a laborais:

Novas prazas de Promoción interna:
A OPE 2025 inclúe no seu anexo III unha nova Oferta de Promoción Interna Independente con un total de 48 prazas de promoción (21 de funcionarios e 27 de laborais) que permitirán o ascenso e a mellora profesional a distintos grupos e categorías. Hai que lembrar que a xerencia ofertaba unicamente, nun principio, un total de 8 prazas en promoción fronte ás 48 finalmente aprobadas. Esta OPE de 2025 constitúe así, ao igual que en anos anteriores, un verdadeiro Plan de Promoción, que continúa as ofertas que dende 2020 suman xa un total de 323 prazas.
A promoción interna, como se recordará, era un dos principais eixos do noso programa das pasadas eleccións sindicais: Continuar desenvolvendo e ampliando a Promoción Interna independente tanto para PAS laboral como funcionario.As promocións ofertadas nos últimos 5 anos afectan xa a un número importante de grupos e categorías de PAS laboral e funcionario; cuxos procesos en boa parte están xa rematados e coas tomas de posesión realizadas, mentres que outros están en marcha ou pendentes só da convocatoria. A pesar dos problemas, abríronse así, a través da negociación, posibilidades de promoción reais, onde antes non tiñamos perspectiva ningunha de mellora profesional ou retributiva.
O obxectivo de CC.OO é consolidar ano a ano estas ofertas de promoción independente, dando pé tamén a unha estrutura de carreira vertical real no ámbito do PAS; onde poderá existir un grupo ou subgrupo de acceso, e un ascenso a través de procesos de promoción que afecte a todos os grupos profesionais. Unha carreira vertical que deberá complementar as melloras derivadas da carreira horizontal cuxa resolución está prevista para as próximas semanas, con efectos económicos dende 1 de xaneiro.
O cadro final da distribución en grupos e categorías da promoción interna para 2025 é o seguinte:

Esta OPE de 2025, tanto de acceso libre como de promoción interna, foraaprobada na Mesa xeral de negociación de PAS co voto favorable de CC.OO, CSIF e UGT e a posición contraria de CIG e PUSC; mentres que TGU e USO pola súa parte non asistiron á xuntanza nin escusaron asistencia.
