Chamamos a participar na manifestación de Queremos Galego o 17 de maio

O noso sindicato reafirma o compromiso coa defensa dos dereitos lingüísticos, que foi tamén expresado nunha resolución aprobada no congreso da Federación estatal de enseñanza de CCOO o pasado día 9.

Desde CCOO Ensino reiteramos o noso apoio á manifestación convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego para o vindeiro sábado, 17 de maio, Día das Letras Galegas, e facemos un chamamento á comunidade educativa galega a sumarse masivamente á mobilización, baixo o lema «Lingua vital, xa!».

A manifestación sairá ás 12:00 horas da Alameda de Santiago de Compostela e rematará cunha grande foliada pola lingua na Praza do Obradoiro, como homenaxe colectiva ás cantareiras e á música popular galega. Queremos Galego anima as persoas participantes a levar pandeiretas e a dar voz, corpo e ritmo á defensa da nosa lingua.

Recentemente, reunímonos con representantes da plataforma e coincidimos na necesidade de reforzar o compromiso social coa lingua galega, especialmente no ámbito educativo, e denunciamos os retrocesos e a falta de políticas públicas ambiciosas que garantan a súa presenza e vitalidade.

Neste contexto, queremos lembrar tamén que o pasado día 9, no congreso da Federación estatal de enseñanza de CCOO, aprobamos unha resolución específica sobre a defensa dos dereitos lingüísticos, que se pode consultar no documento adxunto. Nela denunciamos os ataques da ultradereita ás linguas oficiais distintas do castelán e reclamamos a creación dunha estrutura organizativa dentro do sindicato que promova activamente a diversidade lingüística e a protección dos dereitos lingüísticos en todo o Estado.