O pasado 10 de setembro, no acto de inauguración do curso, o reitor da USC anunciou a súa intención de presentarse novamente para o cargo. Manifestou, tamén neste acto, que as actuacións para dar cumprimento ao Plan plurianual dirixidas ao PDI se “completarán no 4º ano de mandato”. Indicando, a continuación, que “o dito debe servir tamén para o PAS”.
O caso é que en relación aos compromisos co PAS, por parte do equipo de goberno e a xerencia, e en relación ás demandas e propostas formuladas por CC.OO quedan aínda bastantes cousas por facer. Por iso reclamamos da xerencia un esforzo especial, nos meses que quedan de mandato, para que sexan atendidas, corrixidas ou rectificadas segundo os casos.
Entre as cousas pendentes co PAS funcionario, está o compromiso de xerencia de revisión xeral da RPT e en particular das areas económica e de xestión académica, que se establecían como prioritarias e de onde se prometían melloras para o persoal en canto a postos e niveis. Tamén co PAS laboral se comprometeu unha revisión xeral da RPT e, en xullo pasado, se quedou na revisión do Grupo III. Temas todos eles polos que seguimos agardando.
En canto á proposta de CC.OO para a equiparación de niveis mínimos do PAS funcionario coas outras universidades galegas, a xerencia comprometerase a abordala en setembro do ano pasado, tal e como se recolle en acta, pero sigue sen aplicarse.
Esta proposta consiste no seguinte: subida nivel postos base C-2 de 15 a 16; subida das Secretarías decanato e departamento do 18 ao 19; de Xefes de negociado, Responsables asuntos económicos e Secretaría de dirección de servizos centrais de 20 a 21; e equiparación no nivel 24 dos postos de responsable de unidade.
Por outra parte, o Acordo de Teletraballo segue sen poñerse en marcha porque a USC non abriu o período de solicitudes, para o que tiña un prazo máximo de tres meses dende a publicación do acordo no DOG. Prazo que está a punto de rematar.
É moi necesario tamén poñer en marcha os procesos de promoción interna independente acordados coa OPE de 2020. Para iso é preciso que envíen, para a negociación, as convocatorias de promoción interna independente para acceder ás 50 prazas previstas dende o C1 ao grupo A2; así como as demais prazas de promoción de PAS funcionario.
Máis dun ano despois da publicación no DOG da OPE de 2020, tamén a promoción interna independente do PAS laboral esta parada. É necesario que boten a andar as convocatorias de promoción, para as categorías da Area TIC, da area de investigación, ou de conserxerías e outras categorías acordadas en 2020 e 2021. Mentres non se fagan efectivas, non estarán cumpridos os compromisos co persoal.
Estes compromisos co PAS foron arrincados con un traballo perseverante, de presentación de propostas, de negociación e de persistencia, no que CC.OO puxo todo o seu esforzo. Por iso, nos próximos meses continuaremos o noso traballo en representación do persoal, ao igual que o fixemos dende o inicio do mandato: presentando propostas (esencial para quen queira representar ao persoal con lealdade) negociando, presionando ou opoñéndonos cando foi necesario. Tratando sempre de acadar acordos que melloraran a situación e perspectivas do persoal e loitando por facelos efectivos.
O reitor e o equipo de goberno deben recordar tamén que o Claustro e o Consello de goberno aprobaron unha emenda de CUPAS aos orzamentos para 2021, que vén a ser bastante clara a respecto de dar cumprimento aos compromisos co PAS:
- “Durante este ano 2021 convocaranse as probas selectivas, previstas nas ofertas de emprego de anos anteriores, que permitirán estabilizar ao persoal interino, reducir a precariedade e rexuvenecer o cadro de persoal, así como a promoción interna acordada nos ámbitos de PAS funcionario e laboral.”
- “Ademais e tendo en conta que o Plan plurianual para o PAS se presentou con máis dun ano de retraso, e ata 2020 non foi posible abordar as actuacións propostas, neste ano 2021 farase un esforzo especial por recuperar o tempo perdido. Así, proseguirase coa reforma e revisión xeral da RPT das distintas areas, necesaria para a mellora permanente dos servizos, e comprometida coa representación do persoal.”
- “En canto á Oferta de Emprego Público de 2021, continuaranse as políticas de estabilización e sumaranse novas prazas de promoción interna independente, posibilitando os dereitos de promoción.”
- “Tamén en 2021, de acordo co previsto no Plan de PAS, se negociará coa representación de persoal a posta en marcha da carreira profesional horizontal do PAS, único colectivo de persoal público do noso entorno no que aínda non se implantou.”
Agardamos tamén que os demais sindicatos nos acompañen na defensa dos compromisos co PAS, coa achega das súas propias propostas. E que o fagan esforzándose na utilidade das mesmas e sen buscar polémicas absurdas co resto de representantes do persoal.
