PTXAS Funcionario da UVigo

Tes unha carga de traballo que case non che deixa respirar?

Hai persoal de baixa no teu servizo que non se substitúe

 
 

xerencia non ve a importancia de que o traballo saia en tempo e forma?

Tes a impresión de que a túa carreira profesional está estancada

Es persoal contratado ou interino con moita experiencia e formación pero o teu traballo carece de estabilidade e non se valora? 

Ves como crece a administración paralela para saltarse controis e evitar investir nos servizos?

Teletraballabas durante a pandemia pero agora non che ofrecen esa posibilidade?

Non che ofrecen unha oferta formativa que se adapte ás túas funcións e desenvolvemento profesional? 

Somos PTXAS somos esenciais!

O PTXAS é o piar no que se apoia á universidade. Se non se coida toda a estrutura pode colapsar.

Vemos como cada vez se nos esixe máis pero non se nos dan medios para cumprir con esas exixencias: Servizos infradotadosbaixas e vacantes sen cubrir, novas funcións e programas para as que non se imparte formación. En resumo, que non se nos valora.

Ten que recoñecerse a importancia do noso traballo, o que asumimos e o que poderiamos facer se nos deran oportunidade e medios.

Carreira profesional e RPT

O establecemento dunha carreira profesional, xunto coa estruturación e dotación axeitada dos servizos podería ser unha boa ferramenta para equilibrar a túa carga de traballo e para darche opcións de promoción laboral e desenvolvemento profesional.

Con isto poderiamos atender ás promocións pendentes e ao persoal que a día de hoxe ten dificultades para promocionar. Por outra banda poderiamos reducir a administración paralela.

Plans de formación específicos

Para poder desenvolver a túa carreira profesional cómpre contar cun bo plan de formación, adaptado ao teu posto de traballo. Deberían ofrecerse contidos técnicos, normativos e incluso de habilidades directivas como xa se facía hai anos. Tería que fomentarse a formación asíncrona para que todos podamos acceder a esa formación independentemente da nosa situación. Así mesmo sería moi enriquecedor fomentar as mobilidades de PTXAS. Os compañeiros que xa foron trouxeron ideas que de poder aplicalas mellorarían o noso traballo.

Teletraballo e flexibilidade

A pandemia obrigounos a teletraballar sen nin sequera ter tempo para prepararnos. Aínda así a universidade funcionou sen maior problema. En moitas administracións e incluso nas empresas privadas tanto o teletraballo como a flexibilidade horaria son agora a norma e non só como unha medida de conciliación. Entón, por que non ía ser o caso tamén da nosa universidade?

Baixas e clima laboral

Para poder desempeñar o noso traballo ten que haber un bo clima laboral e non poderá habelo se non se cobren axeitadamente as baixas e vacantes. Así mesmo ten que haber medidas efectivas de prevención do acoso laboral.

Tamén cómpre unha revisión da acción social para que sexa xusta e equitativa.

Por último tamén é importante coidar a nosa saúde e forma física, aumentando as probas que se inclúen no recoñecemento médico como revisións xinecolóxicas e uroprostáticas.

Xubiliación

A universidade de Vigo xa conta con 35 anos de vida e cada vez hai máis compañeiros que se achegan a idade da xubilación. Cómpre que a universidade recoñeza a súa experiencia coa posibilidade dunha xubilación parcial coa que poder transmitir os seus coñecementos ás novas xeracións.

Quen somos?

A sección sindical de CCOO da UVigo é tan vella como ela. Aínda que non formábamos parte da xunta de persoal nos últimos anos, nalgún momento chegamos a ter a súa presidencia.

No comité de empresa sempre tivemos unha posición destacada e fomos parte de moitas loitas polos dereitos dos traballadores. Foi memorable o caso “do Peche” na que moitos compañeiros acamparon durante máis de 50 días diante da porta do despacho do reitor para pedir un convenio xusto.

A última loita foi a da funcionarización do persoal laboral coa que conseguimos que todo o PTXAS se convertese nun só colectivo.

Sempre consideramos importante ser independentes para defender ao persoal. Non poderiamos defendelo ao mesmo tempo que apoiamos a un reitor ou outro.

Porque cremos nunha universidade pública que recoñeza o esforzo do seu persoal. Cremos na igualdade de oportunidades, na xustiza social e na igualdade entre homes e mulleres como eixo de cambio. E sobre todo, cremos en todas as persoas que fan posible que esta universidade siga en pé, malia a falta de recursos e de recoñecemento por parte da xerencia.

Sabemos de onde vimos e cara a onde queremos ir. Seguimos aquí, como sempre, para defender o que é de todos e todas.

Comisións Obreiras informa

Páxinas de interese