Información sobre a reunión coas Consellerías de Educación e Sanidade

CCOO-Ensino e o resto de organizacións sindicais do eido educativo reuníronse no día de hoxe con representantes da Consellería de Sanidade e Educación para analizar as medidas adoptadas con motivo da volta ás aulas do alumnado galego.

Publicado o 10 de xaneiro de 2022

Na reunión, CCOO trasladou ás seguintes esixencias á Administración.

- Vacinación inmediata do persoal dos centros que falta por inocular coa terceira dose, nomeadamente menores de 40 anos que non recibiran dobre pauta de Astrazeneca, xa que moitos destes traballadores/as están en contacto a diario con alumnado sen vacinar e incluso que non está obrigado ao uso de máscaras protectoras (como o alumnado de Educación Infantil ou NEAE).

- Necesidade de concesión de permisos de deber inexcusable aos traballadores/as dos centros que deban permanecer con fillos menores positivos ou cuarentenados para así facer efectivo o seu deber de tutela efectiva.

- Autorización a que profesorado interino e substituto de baixa por ser positivo COVID poida tomar posesión da vacante de substitución que se lle ofrezca e logo achegar o correspondente parte de baixa. 

- Mellora nas xestión das baixas por COVID dos traballadores/as dos centros educativos, ante o aumento exponencial do número de contaxios. A Administración aceptou esta última petición de CCOO, e facilitará mediante unha declaración responsable asinada polo traballador/a a tramitación da situación de incapacidade temporal, ante o colapso da atención primaria. A Consellería de Educación publicará ao longo do martes 11 de xaneiro o modelo de declaración responsable e o procedemento para tramitala.