Continúa a loita pola dignidade e os dereitos laborais na educación infantil 0-3

Nunha nova demostración de forza e unidade, centos de traballadoras de educación infantil 0-3 tomaron as rúas de Vigo e A Coruña hoxe, reivindicando mellores condicións laborais e salarios xustos. Esta xornada de protesta, que continuou a desenvolverse baixo o lema "Por un convenio digno e salarios xustos. Polo desbloqueo das negociacións", marca un punto culminante nunha serie de mobilizacións que veñen celebrándose dende xuño.

Continúa o bloqueo nas negociacións do convenio

As recentes reunións revelaron un novo bloqueo das patronais nas negociacións do convenio da educación infantil 0-3. Mentres CCOO propón melloras integrais, os incrementos salariais propostos pola patronal son insuficientes, e continúan a xerar preocupación pola posibilidade de que existan salarios por baixo do SMI en 2024. Namentres, o sindicato USO opta por pechar as negociacións e as traballadoras manteñen a presión por unhas condicións máis xustas.

O bloqueo continúa, e as mobilizacións planeadas tamén.

 infórmaTE: toda a información das reunións do 24 de novembro e do 1 de decembro

CCOO celebra outra xornada de éxito nas folgas de Infantil 0-3

A cuarta xornada de manifestacións, esta vez en Santiago de Compostela, contou con 800 persoas, superando as participacións anteriores.

A cuarta data, anunciada por CCOO xa en outubro, contou co apoio doutras organizacións sindicais que se sumaron ás esixencias que permitirán mellorar, a través da negociación colectiva, a situación de precariedade á que se enfrontan milleiros de empregadas do sector.

Terceira xornada de loita: centos de traballadoras da educación infantil 0-3 esixen convenio digno e salarios xustos

Este terceiro día de folga e manifestación demostrou que a reivindicación non se debilita, ao contrario, medra día tras día. A pesar das inclemencias climáticas e dos servizos mínimos abusivos, o colectivo continúa acudindo masivamente ás manifestacións, e a súa indignación só aumenta. As traballadoras da educación infantil 0-3 de Galicia están decididas a non dar un paso atrás ata que se atendan as súas demandas e se lles recoñezan os seus dereitos.

O próximo chamamento á acción está fixado para o 15 de novembro, con convocatoria única en Santiago de Compostela. Agardamos que a mobilización continúe aumentando tanto en número como en intensidade.