Día histórico no sector educativo

O morado tinguiu hoxe todos os centros educativos galegos, onde unha ampla porcentaxe de traballadoras e traballadores secundou o paro de dúas horas convocado por CCOO. Isto, xunto á suspensión das clases para a realización de actividades relacionadas co Día Internacional da Mulleres, moitas delas con continuidade ao longo do curso escolar, interrompeu a normalidade académica, facendo deste 8 M un día histórico no sector. Nas universidades, a actividade académica paralizouse como consecuencia do seguimento do paro por parte de profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado. Con esta folga que reivindica o fin da desigualdade entre mulleres e homes, iníciase unha senda de non retorno cara a unha sociedade máis igualitaria na que se consiga poñer fin á brecha salarial, no emprego, no desemprego, en pensións; á repartición de roles en función do xénero; ao acoso e a violencia machista que sofren as mulleres.