Por que CCOO rexeita o MIR educativo?

Na última década foron recorrentes as propostas de acceso á función docente cun sistema similar ao MIR sanitario. Actualmente, non podemos falar dun proxecto claro do que é o MIR educativo máis aló dos anuncios do Ministro de Educación e dalgún partido político. Tampouco chegou a ningunha mesa de negociación coas organizacións sindicais

Tal e como se expón, o MIR educativo supón:

• A creación dunha figura de docentes “en prácticas” precarios, temporais e con peores salarios.

• A imposición dunha barreira económica de entrada máis, engadindo un máster á formación inicial.

Ademais:

• Non solucionará os problemas do acceso á función pública docente.

• Desvirtuaranse as fases de prácticas na formación inicial.

Ten sentido falar de MIR educativo de maneira illada?

CCOO considera que non se pode falar de acceso á función pública docente separándoa do debate sobre a formación inicial do profesorado e o Estatuto docente, que é onde se recollen as condicións laborais do profesorado, a carreira profesional, a xornada laboral, a formación permanente, etc.

Que modelo de acceso propón CCOO?

CCOO defende un sistema de selección que permita demostrar, ademais dos coñecementos —xa acreditados pola titulación requirida—, as competencias necesarias para levar a cabo a tarefa educativa. Non se trata de poñer máis atrancos na selección nin facer máis difícil a oposición, senón de facela máis eficaz para seleccionar boas candidatas e candidatos para o labor educativo que terán que desenvolver.

Para CCOO, o sistema de ingreso á función pública docente debe axustarse ao modelo dun concurso-oposición baseado nos seguintes principios básicos:

• As capacidades didácticas e pedagóxicas dos e das aspirantes serán a base do proceso selectivo. Entre estas capacidades deben incluírse o traballo en equipo, a empatía co alumnado, a organización da aula, a planificación e a aplicación de boas prácticas.

• Os instrumentos para avaliar os coñecementos da materia que se vai ensinar deben permitir avaliar, fundamentalmente, a capacidade de estruturación e elaboración, á vez que proporcionan información sobre a actualización do opositor ou opositora.

• A experiencia docente debe ser recoñecida, como ocorre en todos os ámbitos do mundo laboral, garantindo o equilibrio necesario para posibilitar o acceso ás persoas  candidatas que non teñan experiencia docente previa.

• A fase de práctica docente debe cobrar maior peso e non ser un mero trámite administrativo do proceso de selección. Nesta fase deberíase valorar o grao de implicación e compromiso para asegurar o dereito de todo o alumnado a unha educación de calidade e a capacidade para xestionar ambientes de aula complexos e multiculturais e dirixir ao alumnado cara a unha aprendizaxe comprensiva e sólida.