ALGÚNS DATOS DA CONCERTADA POR COMUNIDADES AUTÓNOMAS

                                   

ALGÚNS DATOS DA CONCERTADA POR COMUNIDADES AUTÓNOMAS

Os recortes aplicados ao profesorado da concertada en Galicia non teñen comparanza cos aplicados a compañeiros e compañeiras do resto do Estado. 

Por unha banda, pola fondura dos recortes: suprímense todos os existentes (no resto de comunidades non se deu esa xeneralización: acordos como os da PEA seguíronse aboando regularmente, ou se acordou unha moratoria temporal que xa foi levantada), a desvalorización do poder adquisitivo foi exorbitada (22,4 %) e moi superior á doutras comunidades, impídese toda posibilidade de negociación/reclamación por vía xudicial de dereitos consolidados, introducindo cláusulas de bloqueo na Lei de orzamentos —medida excepcional que ningunha outra comunidade do Estado adoptou—. Pero o caso galego tamén é excepcional pola súa duración. As medidas comezan a aplicarse en 2009 coa chegada do PP ao Goberno —antes ca en ningún outro territorio— e seguen vixentes na actualidade e con intención de prolongalas, cando na inmensa maioría das comunidades xa se aprobaron novos acordos de mellora e están a negociarse outros novos. 

A análise comparativa co que acontece no resto do Estado lévanos á conclusión de que a persistencia e intensidade dos recortes ao profesorado da concertada en Galicia non pode explicarse unicamente pola crise, máxime cando nos aseguran que os datos macroeconómicos son moi positivos e que na maioría dos parámetros xa se está nunha situación semellante á anterior á crise. 

De seguir así as cousas, é imprescindible unha reforma constitucional e modificar o artigo 4 engadindo o texto: “…Todo iso sen menoscabo de que uns sexan más iguais ca outros”