Mesa Sectorial , 20 de febreiro de 2018

Resumo da mesa sectorial e intervención de CCOO:

Ver en PDF

2 . Proxecto de orde pola que se convoca procedemento de acceso ao corpo de Catedráticos de Música e Artes Escénicas, nas especialidades vinculadas ás ensinanzas superiores de música

  • CCOO congratúlase desta convocatoria, tras anos de cobertura das prazas dos CMUS Superiores pola vía das comisións de servizos
  • CCOO considera que, sen ter a foto fixa final dos cadros de persoal dos conservatorios superiores, é moi dificil estimar se o número de prazas da convocatoria é o correcto.
  • CCOO entende que deberan saír aquelas vacantes que fosen funcionar de xeito efectivo no vindeiro curso, mais aquelas que non teñen a garantía de funcionamento non parece razoable que se fagan nun único ano, especialmente debido á falta de continuidade das convocatorias de oposicións no corpo de profesores de música e artes escénicas.
  • CCOO puxo de manifesto o desequilibrio existente no número de vacantes, dado que nalgunhas especialidades se oferta un número moi inferior de vacantes ás prazas actualmente ocupadas nos conservatorios (caso de Composición ou Piano).
  • O subdirector xeral confirmou a redución a dúas prazas en Trompa, e o incremento dunha praza en Clarinete e Trombón respectivamente; así mesmo, comprometeuse a revisar o número de prazas por especialidade pero sen incrementar as 105 convocadas en global.
  • CCOO advertiu da situación de inseguridade xurídica que pode implicar a non esixencia nos requisitos da situación de oito anos como funcionario de carreira, en contra do que di o RD 276/07. Aínda sendo conscientes da existencia de sentenzas que o avalan, advertimos da inseguridade xurídica que se xera en todo o proceso.

BAREMO

  • Existe un desequilibrio evidente que valora pouco os méritos como instrumentista e os méritos artísticos. Entendemos que se debe facilitar acadar o 1,5 deste apartado unicamente con estes méritos e cunha maior facilidade, polo que demandamos que se incrementen as puntuacións por estes ítem.  (NON ACEPTADO)
  • Esiximos buscar unha solución para a xustificación dos méritos artísticos en concertos benéficos ou organizados por organizacións sen ánimo de lucro, dado que é moi probable que non figuren na vida laboral das persoas aspirantes. (NON ACEPTADO)
  • No apartado de coordinacións, non debería quedar fóra da puntuación ningunha coordinación existente nos CMUS; botamos en falta a de programas internacionais. (REVISARÁN)
  • No apartado 1.2.4, a Administración confirma que non puntuarán a docencia nos CMUS superiores. 
  • Solicitamos que a valoración por cursos impartidos se incremente a 0,0250 por cada 5 horas. (NON ACEPTADO)
  • Solicitamos a inclusión do nivel B1 no apartado de idiomas. (NON ACEPTADO)
  • Solicitamos que se  gradúen as puntuacións dos diferentes niveis de idiomas. (REVISARÁN)
  • Pedimos que as e os aspirantes non teñan que xustificar documentalmente aqueles méritos que xa figuren no seu expediente persoal. (NON ACEPTADO)

 

3. Proxecto de orde pola que se convoca concurso de méritos específico entre persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para cubrir postos de persoal docente en prazas sometidas a convenio ou a programas específicos desta consellería.

  • Esiximos que se expliciten de modo claro as directrices e características para a realización do proxecto.
  • Esiximos a conformación da comisión de selección con expertos e non con cargos da Administración.
  • Solicitamos a eliminación da entrevista, e que, en caso de habela, se faga a todas as persoas aspirante.
  • Reclamamos que a xestión de todas as ensinanzas que se imparten en centros de carácter público sexan xestionados pola Consellería de Educación e non limitarse esta, unicamente, a dotalas de persoal.
  • Demandamos o establecemento de criterios para comprobar de forma obxectiva como se acadan os requisitos marcados para cada praza.
  • Demandamos o establecemento de criterios obxectivos de avaliación dos proxectos. 
  • Pedimos a retirada da praza n.º 8  no IES de Sabón; non pode conveniarse unha praza cun centro propio da Consellería, debe cubrirse polos medios usuais.
  • Solicitamos que a puntuación mínima no proxecto para poder continuar no proceso teña que ser exactamente o 50 % do total, é dicir tres puntos.

4.  Rogos e preguntas

CCOO-Ensino solicitamos:

  • Acelerar os trámites para o incremento de horas de Filosofía no bacharelato, en virtude do consenso acadado no Parlamento Galego sobre a situación da Filosofía e a necesidade da súa permanencia.
  • Consideramos positivo o incremento das vacantes ofertadas no Concurso Xeral de Traslados, pero manifestamos a nosa preocupación pola falta de negociación nalgunha XT. Coidamos necesaria a oferta do maior número posible de prazas que permitan ao profesorado en expectativa, e sobre todo ao de longa duración, a obtención do seu primeiro destino.
  • Solicitamos a apertura da negociación de aspectos laborais que están en suspenso polos recortes e que se deben reverter, así como o avance noutras cuestións: horarios, salarios, equiparación dos permisos de paternidade e maternidade…
  • Solicitamos novamente a adscrición ao Sistema Universitario Galego das Ensinanzas Artísticas Superiores, dado que noutras comunidades se están a dar pasos nesta liña.
  • Criticamos que se usen os medios de formación do profesorado para certificar en idiomas mediante institucións privadas, obviando o carácter certificador que teñen as EOI.
  • Criticamos o intento de implantar, custe o que custe, a FP dual transformando, co curso xa empezado, ciclos presenciais en FP dual, co que se modifica así a oferta de FP aprobada.
  • Solicitamos o establecemento de protocolos e mecanismos de tratamento de residuos, moitas veces tóxicos, nos centros de FP.