CCOO denuncia que o MIR educativo suporía máis precariedade e rotación nos centros

A Federación de Ensino CCOO considera que as manifestacións do ministro de Educación, Cultura e Deporte (MECD), Iñigo Méndez de Vigo, sobre o acceso á función pública docente e a súa modificación por un sistema de prácticas similar ao do ámbito sanitario, enmárcanse nunha política educativa fundamentada en declaracións formais carentes de contido real e do apoio da comunidade educativa.

O Ministro, con estas declaracións, cuestiona as actitudes e aptitudes de todo o persoal docente da escola pública e volve situalo no centro das críticas. Ademais, demostra un gran descoñecemento do acceso á función pública docente, pois o modelo actual xa recolle un período de prácticas unha vez superado o concurso-oposición.

CCOO considera a proposta de dous anos de prácticas como unha mostra máis da intención do Goberno de degradar o profesorado introducindo a figura de docente en prácticas. Detrás desta iniciativa agáchanse máis temporalidade e menos salarios para o persoal docente e máis rotación nos centros. Así mesmo, xulga pouco serio e rigoroso facer propostas de acceso illadas dun debate e negociación do Estatuto docente, así como da formación inicial do profesorado.

CCOO defenderá un sistema de selección que permita demostrar, ademais dos coñecementos –xa acreditados pola titulación requirida–, as competencias necesarias para levar a cabo a tarefa educativa. Non se trata de poñer máis dificultades na selección nin facer máis difícil a oposición, senón de que resulte máis eficaz para seleccionar boas candidatas e candidatos para o labor educativo que terán que desenvolver.

Para CCOO, o sistema de ingreso á función pública docente debe axustarse ao modelo dun concurso-oposición baseado nos seguintes principios básicos:

  • As capacidades didácticas e pedagóxicas das persoas aspirantes serán a base do proceso selectivo. Entre estas capacidades deben incluírse o traballo en equipo, a empatía co alumnado, a organización da aula, a planificación e a aplicación de boas prácticas.

  • Os instrumentos para avaliar os coñecementos da materia que se vai ensinar deben permitir valorar, fundamentalmente, a capacidade de estruturación e elaboración, ao tempo que proporcionan información sobre a actualización do opositor/a.

  • A experiencia docente debe ser recoñecida, como ocorre en todos os ámbitos do mundo laboral, garantindo o equilibrio necesario para posibilitar o acceso ás persoas candidatas que non teñan experiencia docente previa.

  • A fase de práctica docente debe cobrar maior peso e non ser un mero trámite administrativo do proceso de selección. Nesta fase deberíase valorar o grao de implicación e compromiso para asegurar o dereito de todo o alumnado a unha educación de calidade e a capacidade para xestionar ambientes de aula complexos e multiculturais e dirixir o alumnado cara a unha aprendizaxe comprensiva e sólida. 

Comparte o que pensas