Mesa Sectorial , 6 de febreiro de 2018

Intervención Mesa Sectorial 6 de febreiro de 2018

1. Oferta de emprego 

CCOO demandamos dúas cuestións previas:

  1. Que a Consellería de Educación demande ante o Estado a eliminación da taxa de reposición. A Consellería informa de que xa está defendendo esa posición.
  2. Criticamos que se anuncie a oferta de prazas e especialidades antes da reunión da mesa sectorial.

CCOO-Ensino demandou a oferta da terceira parte da totalidade das prazas que deben saír, ao final do período transitorio (3 anos). O noso obxectivo é reducir as taxas de temporalidade ata o 5 % (recollido noutro acordo asinado por CCOO). A proposta inicial da Consellería de 450 prazas de consolidación rexeitámola por insuficiente e así llo trasladamos á subcomisión do Acordo para o desenvolvemento dun plan de estabilidade no emprego dos servizos públicos que tivo lugar o luns, 5 de febreiro. Como consecuencia da negociación e do acordo asinado, finalmente ofertaranse 581 prazas de consolidación. Esta última oferta considerámola moi positiva, porque se acerca ao obxectivo do terzo de prazas reclamado inicialmente. Pasar de 1072 prazas a 1653 para ingreso libre é unha moi boa noticia para as opositoras e opositores. Queremos destacar que o acordo asinado supón un incremento dun 54,2 % de máis prazas que se ofertara só as de reposición. 

SOBRE A OFERTA EN CONCRETO demandamos:

  • Oferta de prazas de ingreso libre nas EOI
  • Que se estude a oferta doutras especialidades neste período de tres anos, entre elas: Organización e Proxectos de Sistemas Enerxéticos, Latín e Francés no corpo de PES, navegación e instalacións mariñas…

2 . Proxecto de orde pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso e acceso ao corpo de profesores de ensino secundario, de acceso ao corpo de profesores de música e artes escénicas e de ingreso ao corpo de profesores técnicos de formación profesional, ao corpo de mestres e  procedemento de adquisición de novas especialidades polo persoal funcionario de carreira dos corpos de profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional e mestres da Comunidade Aútonoma de Galicia.

 

  1. Facer efectivo o carácter de concurso-oposición, dando instrucións aos tribunais para que se cumpra a lei que obriga a dar por superada cada proba cunha nota igual ou superior a 5. Será a fase de concurso a que determine o número final de aprobadas e aprobados.
  2. Reducir o número de opositoras e opositores por tribunal.
  3. Garantir o anonimato das probas.
  4. Publicitar as cualificacións diariamente.
  5. Garantir a mesma proba en todos os tribunais da mesma especialidade.
  6. Normas claras con publicidade previa sobre o formato das probas escritas.
  7. Rotación das localidades onde se desenvolven as probas.
  8. Baremación dos méritos por parte da Dirección Xeral e non dos tribunais.
  9. Gratuidade da matrícula para as e os demandantes de emprego.
  10. Ampliación de todos os prazos de reclamación e presentación de solicitudes.
  11. Demandamos que todos os tribunais estean formados por profesorado da especialidade en todos os casos e non só cando sexa posible.
  12. Solicitamos que a data de presentación se marque de xeito que posibilite presentarse noutras comunidades autónomas.
  13. Considerar como motivo xustificado a non asistencia ao acto de presentación por ingreso hospitalario.
  14. Solicitamos que as dúas partes da primeira proba deberían realizarse coincidindo coa presentación.
  15. Establecer a duración máxima da proba práctica naquelas especialidades en que non está explicitada.
  16. Modificar a ponderación das dúas partes da primeira proba, outorgando un 40 % ao suposto práctico e o 60 % ao tema.
  17. Adecuar a orde á terminoloxía LOMCE. Nas programacións deben reflectirse os criterios de avaliación, contidos e estándares de aprendizaxe tal e como aparece no decreto de currículo actual. Da mesma forma, utilizar nos casos de PT e AL a atención ao alumnado con NEAE en lugar de NEE.
  18. Solicitamos que o profesorado en prácticas teña destino en centros en que exista profesorado da súa mesma especialidade para poder titoralos.
  19. Inclusión do grao en terapia ocupacional como titulación que permita o acceso ás listas de interinos das especialidades de procesos sanitario e procedementos sanitarios e asistenciais. 

 

CANTO AO BAREMOS, demandamos:

  1. Valorar o mestrado de formación de profesorado de secundaria, escolas de idiomas e FP, para o corpo de mestres, xa que non constitúe un requisito de acceso.
  2. Incluír como baremables as linguas cooficiais.
  3. Demandamos que os méritos que figuran no expediente persoal, non só os servizos, senón tamén titulacións e formación, sexan xa valorados de oficio.
  4. Valoración dos cursos de menos de 30 horas (no baremo do acceso).
  5. Incrementar a puntuación por título de licenciado ou de grao distinto ao alegado (no baremo do acceso).
  6. Eliminar a puntuación por servizos prestados na inspección e noutros cargos da Consellería (no baremo do acceso).
  7. Desenvolvemento das mesmas especificacións para o exercicio práctico en todas as especialidades. Ademais, débense aclarar diferentes cuestións que aparecen de forma moi xenérica. Todas as opositoras e opositores deben coñecer que medios, instrumentos, etc. e como se lle facilitan. Así mesmo, adecuar os supostos prácticos aos temarios vixentes. 

 

4. PROXECTO DE ADDENDA AO ACORDO DE INTERINOS

Pensamos que o establecido na Addenda é o máis acaído, xa que as tres listas ás que se refire estaban funcionando como lista única ao non haber oposicións desas especialidades.

Con esta addenda reforzamos o espírito do acordo de acceso ás listas de interinidades, polo que se prima a estabilidade en función do tempo traballado.

 

 

 

 

 

 

 

Comparte o que pensas