XII CONVENIO DE EDUCACIÓN INFANTIL

O pasado 10 de xaneiro reuniuse, por terceira vez desde a súa constitución, a Mesa Negociadora do XII Convenio Colectivo de ámbito estatal de Centros de Asistencia e Educación Infantil. Unha vez resoltos os problemas de representatividade por parte da patronal, a negociación debería avanzar a un ritmo maior do que levou ata o de agora.

En CCOO somos conscientes do esforzo titánico que os traballadores e traballadoras do sector realizaron nestes anos de crise. É o momento, xa que logo, de iniciar a recuperación de:

  • os salarios e o poder adquisitivo,
  • a estabilidade laboral,
  • as condicións de traballo,
  • a dignidade dun colectivo profesional que nunca obviou nin esquivou as súas obrigas cos máis pequenos (malia traballar, en moitas ocasións, en condicións moi precarias).

Por todo iso, en CCOO traballamos durante os últimos meses na nosa plataforma reivindicativa, recollendo as achegas recibidas da nosa base afiliativa. Conscientes de que a unión fai a forza, presentaremos as nosas propostas ao resto de organizacións sindicais para, entre todas, confeccionarmos a plataforma conxunta do sector

Algunhas das propostas que xa expuxemos nesa terceira reunión son:

  • Clasificación profesional: cambiar titulacións por postos de traballo.
  • Engadir dúas categorías: coordinadora e «teacher».
  • Recálculo da xornada anual docente sobre 212-213 días do calendario laboral. Establecer unha porcentaxe da xornada total para a actividade fóra da aula.
  • Mellora do capítulo de permisos retribuídos.
  • Mellora dos artigos sobre saúde laboral: recoñecer enfermidades profesionais específicas do sector, riscos ergonómicos, voz, estrés…
  • Mellora da maternidade: baixa automática pola mutua por risco para o embarazo dende a semana 16-18 e acumulación da lactación en días laborais.
  • Revisión salarial que recupere a perda do poder adquisitivo dende 2011. Mellora das condicións das categorías con salarios máis precarios.
  • Volta á antigüidade por trienios como sistema de progresión salarial ao longo dos anos de servizo na empresa.

En CCOO entendemos que o binomio negociación-mobilización é imprescindible na recuperación de dereitos e a dignificación das e dos profesionais do sector.

De momento, negociamos.