CONVOCATORIA OFERTA EMPREGO PÚBLICO 2018

O PRESIDENTE FEIJÓO ANUNCIA A CONVOCATORIA DE 1919 PRAZAS DOCENTES PARA 2018. Faino de novo a través dos medios de comunicación, antes da negociación na mesa sectorial docente, mostrando unha vez máis o desprezo aos órganos de representación do profesorado.

 

As 1919 prazas distribúense da seguinte maneira:

  • 574 corresponden ao corpo de mestres 
  • 1050 ao de profesores de ensino secundario
  • 160 ao de profesores técnicos de formación profesional
  • 30 a profesores de escola oficial de idiomas 
  • 105 ao de catedráticos de música e artes escénicas

CCOO-Ensino, á espera da “negociación?” en mesa sectorial, quere transmitirlle unha primeira valoración ás opositoras e opositores: trátase dunha oferta INSUFICIENTE porque as prazas de consolidación derivadas do Acordo para o desenvolvemento dun Plan de estabilidade no emprego dos servizos públicos non alcanzan as 500. Non se pode afirmar que se ten o obxectivo de reducir a temporalidade ao 5 % en tres anos e, no primeiro ano, ofertar menos da quinta parte das prazas que deberan saír ao final do proceso. Se a consellería pretende reinterpretar o acordo citado, contará coa oposición máis radical de CCOO-Ensino.

Demandamos unha negociación SERIA e RIGOROSA na mesa sectorial, e non unha mera información do publicitado polo presidente do Goberno.

Comparte o que pensas