CCOO-Ensino denuncia a privatización da certificación de idiomas por parte da Consellería de Educación

CCOO-Ensino denuncia que a Consellería de Educación esta a enviar correos a todo o profesorado nos que oferta a través do CAFI a certificación en idioma inglés APTIS para profesorado, obviando o carácter certificador que teñen as escolas oficiais de idiomas.

CCOO-Ensino considera que estamos diante dunha nova campaña publicitaria da Consellería que só concibe a formación do profesorado no eido das competencias lingüísticas e dixitais e do desbaldimento dos recursos públicos ao recorrer a empresas privadas que fan o traballo que, por decreto, lles corresponde ás escolas de idiomas.

CCOO-Ensino denuncia ademais que o interese da Consellería é a habilitación pola vía de urxencia do maior número de profesorado que poida impartir docencia nos centros plurilingües sen ter en conta uns criterios mínimos de calidade.

CCOO-Ensino denuncia tamén a utilización dos CAFI e do seu persoal como xestores dunhas certificacións que realizará unha empresa privada. Isto supón un uso inadecuado dos medios públicos destinados á formación do profesorado, xa de por si exiguos, pois non podemos esquecer que estamos diante da partida orzamentaria que máis recortes sufriu dende o ano 2009.

CCOO-Ensino pon de manifesto que estamos ante dun novo ataque ás escolas oficiais de idiomas e reclama que se lles dea a estas o seu status como entidades que formen e certifiquen no ensino público o profesorado e que a Consellería non se embarque en experimentos que unicamente teñen como obxecto a privatización da formación do profesorado